XUNTA DE GOBERNO

Aberto do 25 de xuño ao 22 de xullo o prazo para solicitar o servizo de comedor e madrugadores do curso 2019/2020

24/06/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe os prazos de solicitude de reserva de praza e matrícula nos servizos de comedor e madrugadores na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello de Santiago de Compostela para o curso 2019-2020. O trámite poderase realizar do 25 de xuño ao 22 de xullo de 2019, ambos os dous incluídos.

Os centros que contan con estes servizos son o Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e no caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa, só no servizo de madrugadores. O modelo oficial de solicitude pode recollerse en calquera destes colexios, no departamento de Educación (rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n), ou descargarse directamente desta páxina web.
O impreso de solicitude cuberto ten que entregarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) en Galeras, ou no Rexistro Auxiliar (Centro Sociocultural do Ensanche, 14-16).

Unha vez completado o proceso administrativo coa adxudicación do contrato, procederase á publicación da listaxe de admitidos e excluídos, e acordaranse os prezos a pagar por cada usuario.
Neste momento, segundo sinalou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concellaría de Educación está traballando "a toda velocidade" para convocar o concurso, xa que "non existe prego de condicións". O rexedor explicou que posiblemente o servizo "se prorrogue por un trimestre á actual empresa", mentres se "estuda como se pode mellorar o modelo".

Convenios
Na Xunta de Goberno de hoxe destaca a aprobación de varios convenios de colaboración entre o Concello -a proposta da concellaría de Acción Cultural- e distintas entidades para 2019. Como o aprobado coa Fundación Eugenio Granell por importe de 130.000 euros, co "conservatorio de música tradicional e folque" por importe de 20.000 euros; coa Fundación Rosalía de Castro por unha cantidade de 4.000 euros; ou o aprobado coa Asociación cultural Rocha Forte por 3.000 euros.

Así mesmo, aprobouse o convenio entre o Concello e a USC para a exhibición pública do legado de Carlos Maside no antigo comedor do Pazo de Fonseca. En Xunta de Goberno autorizouse o gasto por importe de 27.638,84 euros, que o Concello aboará á USC en concepto de achega económica para sufragar os gastos de vixilancia e seguridade.

Adxudicacións
A proposta da Concellaría de Urbanismo, a Xunta de Goberno acordou adxudicar o servizo para o desenvolvemento do xeoportal/IDE do Concello de Santiago á empresa NEVINTEC SISTEMAS SL, por importe de 24.000 euros máis IVE.
Tamén se adxudicou, a proposta do departamento de Seguridade Cidadá, o contrato de "subministración de equipos novos para respiración autónoma, máscaras faciais respiratorias, cascos de protección individual e outros equipos e materiais complementarios de intervención para o servizo de extinción de incendios e salvamento" á empresa DRAGER SAFETY HISPANIA SA, por importe de 99.090,07 euros máis IVE.

E, a proposta do concelleiro de Medio Rural, a Xunta de Goberno adxudicou o servizo de "Execución de diversas operacións de roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais do termo municipal" á empresa ALCOMTE GALICIA por importe de 790.000 euros. 395.000 euros serían para este exercicio de 2019, e os outros 395.000 para 2020.

Xa no capítulo de licenzas, destaca a concesión da licenza para a rehabilitación integral do CEIP Raiña Fabiola.

Compartir: