EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música dedica o seu festival de fin de curso á canción galega

21/06/2019 A Escola Municipal de Música celebrará seu festival de fin de curso 2018-2019 hoxe venres, ás 19:00 horas, no Auditorio de Galicia, baixo o título "50 anos da canción galega". Este festival enmárcase na liña de traballo iniciada o ano pasado con "A muller galega na música", na que a Escola érguese como centro vertebrador da recuperación e posta en valor do inmenso patrimonio musical feito en Galicia.

"50 anos da canción galega" fará un percorrido polas diferentes vangardas estéticas e musicais dos últimos cincuenta anos, onde a canción galega foi protagonista. Deste xeito escoitaranse cancións de grupos como Los Tamara, co inigualable Pucho Boedo, que en 1964 gravaron por primeira vez un EP en galego. Seguirase pola Charanga do Cuco de Velle, que nos legou pezas que hoxe son consideradas case himnos da música popular, como "O paraguas do Xosé", ou por Campana de Pau, grupo noiés nacido ao carón do movemento iniciado por Fuxan Os Ventos ou A Roda, que nos legou pezas de enorme lirismo.

Tamén se lembrará a Luis Emilio Batallán, que en 1975, co seu "Aí vén o Maio" acadou o medio millón de copias, unhas cifras de vendas absolutamente históricas para un álbum en galego. Tampouco faltará Andrés Do Barro, o único cantante que acadou un número un de vendas cunha canción en galego. A estes nomes podemos engadir os de Siniestro Total e Golpes Bajos, verdadeiros tótems dos movementos estéticos dos 80, ou Marful e Narf, auténticos visionarios e revolucionarios da nova canción galega do século XXI.

Máis de cen músicos/as e convidados/as especiais
Nun esforzo sen precedentes nos 15 anos de traxectoria da Escola Municipal, este festival vai congregar o día 21 de xuño, as 19:00 horas, a máis de cen músicos/as no escenario da Sala Ángel Brague do Auditorio de Galicia. Entre todo o alumnado da Escola formáronse dúas grandes agrupacións, unha que integra a todo o alumnado da Orquestra, a Orquestriña de Iniciación e máis o Combo de Música Moderna, e outra que integra aos/ás alumnos/as de Banda, Bandiña de Iniciación e Conxunto de Música Tradicional. A estas sumaranse o Coro de Adultos da Escola e mais os Coros Xuvenil e Infantil.

Co ánimo de engalanar aínda máis se cabe esta ocasión, a Escola contará coa colaboración de varias das voces máis salientables do panorama musical galego, como Guadi Galego, Xabier Mera, Najla Shami, Ramón Bermejo, Nastasia Zürcher, Alfonso Espiño e Rocío Jiménez. Dende a Escola quérese amosar o eterno e inmenso agradecemento a estas persoas que, co seu carisma e xenerosidade, amosan o seu compromiso coa cultura musical galega e coa formación musical de base feita en Galicia.

Ademais, unha celebración única merece dous mestres de cerimonias á altura. O festival estará conducido polos presentadores da RTVG Moncho Lemos e Juan Fuentes.

Documentos relacionados



Compartir: