EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"El perro de Mimo", de Mariann Maray (Hungría), gaña o XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

06/06/2019 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta hoxe das obras gañadoras da XII Edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Xunto a el estiveron cinco membros do xurado: Nazaret de Sousa, Noemí Villamuza, Xosé Cobas, Manuela Rodríguez (da editorial Kalandraka) e José Morán.

A obra gañadora leva por título El perro de Mimo, de Mariann Maray (Hungría). O xurado destaca a "atrevida aposta plástica reforzada pola multiplicidade cromática cercana á estética naif e ao mundo da infancia". O xurado quixo salientar tamén a obra finalista, que recomendan para a súa publicación e que leva por nome Atrapamiradas, de Avi Ofer (ilustrador) e Marina Núñez (autora), ambos de Barcelona.

Manuel Dios fixo fincapé no "éxito deste premio, moi prestixiado e que pasea o nome de Compostela por todo o mundo e todas as feiras internacionais". Nese sentido, indicou que a esta edición se presentaron preto de 300 traballos procedentes de 24 países distintos. Na mesma liña se pronunciou a editora de Kalandraka, Manuela Rodríguez, quen destacou "a calidade tanto de todos os proxectos como dos dous finalistas que, sendo moi diversos, amosan ser tamén moi enriquecedores".

Doce edicións
O Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados é un certame convocado dende o ano 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración coa Editorial Kalandraka, que está dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidades. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este Departamento municipal vén organizando dende 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas dez edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas. Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Kalandraka
Kalandraka realiza un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. Tamén se abriron ao campo creativo, publicando álbums ilustrados de creación propia segundo criterios de alta calidade estética e literaria nos que os autores e os ilustradores galegos poden dar a coñecer a súa obra. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, italiano e portugués.

A súa proxección internacional concrétase coa participación nas principais feiras sectoriais do mundo: Italia, Estados Unidos, Xapón, China, Alemaña, México… O seu mercado esténdese a Norteamérica e a América do Sur, onde a Secretaría de Educación Pública do Goberno de México incluíu numerosos títulos de Kalandraka no plan quinquenal do libro e a lectura. Os seus libros tamén están presentes en Europa e en Asia.

Por outra banda, dende hai 19 anos, o Concello de Santiago organiza xunto con esta editorial unha campaña de animación á lectura na que participan máis de catro mil escolares de Santiago e a súa comarca en, o que reflicte o gran interese que esta proposta didáctica ten para a cidade.

Compartir: