POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina nove convenios por un importe total de 274.000 euros

04/06/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, asinou hoxe un novo lote de convenios con entidades sociais por un importe que ascende a 274.000 euros e entre os que se inclúen a Fundación Secretariado Xitano, Acadar, Cociña Económica, Cáritas, Cruz Vermella, Sarela, Fundación Ronsel, Don Bosco e Compostela Solidaria.

O convenio asinado coa Fundación Secretariado Xitano alcanza os 23.000 euros, para desenvolver o "Programa Promociona", un programa de apoio e orientación educativa para mozos e mozas e as súas familias. Con este programa búscase favorecer a normalización educativa do alumnado xitano para conseguir taxas mais elevadas de éxito académico no último ciclo de Educación Primaria e na Educación Secundaria Obrigatoria, e promover a súa continuidade en estudos medios e/ou superiores e Formación Profesional.

Acadar desenvolverá o seu programa "Acceso ao traballo remunerado 2.0", unha acción de acompañamento a mulleres con discapacidade beneficiarias no acceso ao traballo remunerado mediante a capacitación das súas propias decisións, na consciencia das capacidades, na mellora do autoconcepto e en estratexias dunha comunicación boa e eficaz. Así, levaranse a cabo catro accións formativas: dous obradoiros de autoconcepto e comunicación eficaz, dous obradoiros de motivación laboral, dous obradoiros de iniciación ás TICS (tecnoloxías da información) e dous obradoiros prácticos para o uso das TICS. O convenio ascende a 3.000 euros.

Tamén foi renovada a colaboración coa Cociña Económica, que ascende a 60.000 euros e que servirá para desenvolver o "Programa para garantir as necesidades de manutención básica a persoas sen recursos durante o 2019". Os obxectivos son facilitar e proporcionar as tres comidas do día ás persoas con limitados medios económicos. A Cociña Económica desenvolverá este programa proporcionando almorzos, comidas e ceas todos os días do ano 2019, menos os festivos e domingos (sen ceas).

Outro dos convenios máis importantes é o asinado con Cáritas e que ascende a 100.000 euros. Levan a cabo o programa de atención primaria, atendendo a persoas en risco de exclusión social e tratando de dar resposta a calquera demanda social que formulen.

Pola súa banda, Cruz Vermella recibirá un total de 75.000 euros para continuar co Plan de Atención ás Persoas sen Fogar, posto en marcha en 2015. Grazas a este convenio, manteranse os equipos de rúa que atenden as necesidades psicosociais das persoas con maior vulnerabilidade social; así como outras actividades impulsadas pola entidade como o programa de teleasistencia domiciliaria, o programa "Enrédate" para persoas maiores, o programa de "axuda a domicilio complementaria" e o "Plan de Saúde".

O convenio coa Escola de Tempo Libre Don Bosco está dotado de 5.000 euros que serán moi útiles para desenvolver o proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre "Un lugar para ti". Está dirixido a rapaces e rapazas de entre os 4 e os 17 anos, coa idea de facer do tempo libre unha ferramenta educativa e de adquisición de diferentes valores, espazo para o desenvolvemento de actividades que fomenten a convivencia e a tolerancia dentro dun contexto atractivo e divertido para eles.

A Asociación de Dano Cerebral Sarela implementará, cunha achega municipal de 3.000 euros, tres actividades individuais e colectivas: terapia acuática individual, actividade de prevención de caídas na auga e actividade física na auga. As sesións, tanto individuais como grupais, terán unha duración de 45 minutos e un total de 3 días á semana.

A Fundación Ronsel desenvolverá, cunha achega municipal de 5.000 euros, un servizo especializado de orientación e asesoramento social e xurídico en materia de estranxeiría, aumentando a cobertura de servizos de orientación e información social e xurídica en temas migratorios, e a súa relación coas autorizacións de residencia e traballo. O obxectivo é facilitar a inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade, a través dos mecanismos legais necesarios para que a súa situación persoal e familiar, socioeducativa, laboral e de seguridade social sexa idónea para facilitar a súa autonomía persoal.

Finalmente, a asociación Compostela Solidaria levará a cabo un "proxecto educativo para persoas adultas" que leva por nome Escola de Segunda Oportunidade. Será unha experiencia piloto e de alternativa educativa para adultos/as con proxectos de intervención que inclúen a mellora da súa formación básica e regrada. O principal obxectivo centrarase en incrementar o nivel formativo de persoas adultas sen formación básica, cunha orientación práctica para que as persoas adultas que o precisen poidan, ademais de adquirir e mellorar as súas habilidades de lectura, escritura e cálculo, superar as probas organizadas polas autoridades educativas ou laborais.

Compartir: