DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Todo listo para a I edición da Feira de Emprendedoras de Compostela

03/06/2019 Este venres 7 de xuño, o Edificio CIEDUS (Finca Vista Alegre) acollerá a I Feira de Emprendedoras de Compostela, organizada conxuntamente pola Concellaría de Desenvolvemento Económico e o programa Woman Emprende da USC. A feira nace co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna. Nesta primeira edición, a temática e o sector escollido é o artesanal.

Para ir adiantando o día propio da feira, dende este luns e durante toda a semana, estará instalado no mercado Galiciana o Espazo de Tradición e Artesanía, no que exporán as artesás Sandra Vilas Fernández, de Boina Galega; Edita Rodríguez Oca, de Jatafarta; Beatriz Méndez Campos, de Floriforma; Minia Banet Fraga, de Variopinto; Kinga Haudek, de Kinga Haudek Joyería Artística, e Rosario López Gómez, de Charo López Atelier.

O programa
A primeira parte da feira é unha sesión interna formativa, dirixida ás mulleres que emprenden e que precisan de ferramentas que as acheguen a unha axeitada comunicación empresarial para acadar a maior venda posible.

A continuación (12:00 h) abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira. Será un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes poidan apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza e non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles.

Tamén haberá un momento para a reflexión e o debate entre mulleres cunha longa traxectoria empresarial no eido artesanal e as que se inicien nesta actividade e a estean expoñendo como modelo de vida. Nesta mesa, prevista para as 13:00 horas e moderada por Elena Fabeiro, participarán José Castro, de Noroeste Obradoiro; Palmira Marcote, de Mimadriña; Inés Rodríguez, de Rir & Co; e Beatriz López, de Tenda Boles.

Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea.

Woman emprende
O programa Woman Emprende da USC naceu co obxectivo de impulsar o espírito emprendedor das mulleres e a transferencia de coñecemento á sociedade, apoiando as iniciativas e a xeración de novos proxectos empresariais liderados por elas. En Woman Emprende materialízase o compromiso da USC co emprendemento integral e responsable, así como o desenvolvemento económico e social da contorna.

Para iso, o programa da USC ofrece toda unha serie de ferramentas ás emprendedoras para dar os primeiros pasos no comezo da actividade empresarial, facilita información de calidade e actualizada e apoio, desenvolve actividades de interese común para as emprendedoras, e acompaña a cada un dos proxectos dende o inicio ata o desenvolvemento real da actividade.

Documentos relacionados



Compartir: