CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pecha a tempada de abono 2018/2019 coa estrea en España de "A balada do cárcere de Reading", de Jonathan Rathbone

27/05/2019 A Real Filharmonía de Galicia pecha esta semana a tempada de abono con dous concertos dirixidos polo seu director titular, o mestre Paul Daniel. O primeiro soará o mércores 29 en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O xoves, a orquestra tocará no Auditorio de Ferrol, tamén ás 20:30 horas, dentro da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica Ferrolá. O ensaio xeral do mércores 29 no Auditorio de Galicia será aberto ao público ata completar aforo, e comezará ás 11:00 horas.

Baixo o título "Pompa e revolución", a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un programa vinculado a diferentes revolucións sociais. Comezará coa obra Pompa e circunstancia nº 1, do compositor británico Edward Elgar (1857-1934). Trátase dunha marcha moi popular, utilizada aínda na actualidade en Estados Unidos e noutros países como himno nos actos de gradación.

A continuación soará a Marcha das mulleres da compositora británica Ethel Smyth (1858-1944), que foi ademais una das líderes do movemento sufraxista. Compuxo esta canción no ano 1910 con letra da escritora feminista Cicely Hamilton, converténdose no himno do movemento sufraxista feminino no Reino Unido e noutros lugares do mundo. Será interpretada polo Coro feminino do Orfeón Terra A Nosa, que dirixe o mestre Miro Moreira.

Logo, o público poderá gozar coa estrea en España de A balada do cárcere de Reading, do tamén británico Jonathan Rathbone (1957). Compúxoa a partir do poema homónimo que Óscar Wilde escribiu tras a súa liberación da prisión de Reading, á que foi condenado pola súa homosexualidade. O actor Luis Iglesia participará como narrador deste poema, que soará en galego.

Os concertos concluirán coas Variacións Enigma de Edward Elgar. É unha das súas obras máis coñecidas, tanto pola música como polo enigma que se esconde tras ela. Cada variación musical, un total de catorce, mostra un emotivo retrato dalgunhas das relacións sociais máis próximas do compositor.

Charla previa co director Paul Daniel e co actor Luis Iglesia
Antes da celebración do concerto de abono do mércores en Santiago, o público asistente poderá manter unha charla previa co mestre Paul Daniel e co actor Luis Iglesia. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro dos "Convers@ndo con", que promove a RFG coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Luis Iglesia (Riotorto-Lugo, 1962) tivo papeis protagonistas en series televisivas de grande audiencia na TVG como Lobos e cordeiros, Pazo de familia, As leis de Celavella, Libro de familia ou Terra de Miranda, e foi Carmelo Matalobos na exitosa serie Matalobos durante sete tempadas. Participou en series de Tele 5 como Vivir sin permiso, Piratas ou Hospital Central; en El Ministerio del Tiempo de TVE ou na TV movie Entre bateas. Actuou en películas como Julieta, de Pedro Almodóvar; La playa de los ahogados, de Gerardo Guerrero; Somos gente honrada, Vilamor, Secuestrados, Heroína ou El regalo de Silvia, entre outras.

Compartir: