CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este sábado dous concertos do seu alumnado no Auditorio do centro

24/05/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ofrece mañá sábado, 25 de maio, un dobre concerto no Auditorio do centro. O primeiro, protagonizado pola orquestra de corda dos alumnos/as e profesores/as do Curso de Especialización Instrumental, comezará ás 12:00 horas. E ás 12:40 horas será a quenda dos rapaces e rapazas do Curso de Corda para Nenos/as. A entrada a estas dúas actuacións é libre ata completar o aforo.

A orquestra dos/das alumnos/as e profesores/as do Curso de Especialización Instrumental ofrecerá ao público asistente L´Estro Armonico. Concerto para dous violíns nº 8, de Antonio Vivaldi. E de seguido soará o Concerto para dous violíns de Johann Sebastian Bach.

A EAEM préstalle unha atención especial á formación musical dos máis pequenos e pequenas. Este ano académico celebrouse unha nova edición do Curso de Corda para Nenos/as. Como broche final do curso, que comezou en novembro de 2018 e acaba este mesmo mes de maio, os/as alumnos/as protagonizarán un concerto. Na primeira parte, os rapaces e rapazas, todos eles/as con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, interpretarán obras individuais de diferentes épocas e estilos, acompañados/as pola pianista Haruna Takebe.

Na segunda parte do acto, os/as músicos/as noveis integrarán unha orquestra de cámara e xuntos/as achegarán ao público varias obras. Levará a batuta o mestre coruñés Jorge Montes, actual director da Orquestra de Nenos/as da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor de violín no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Formado en Holanda e Italia, ten ofrecido concertos por toda Europa, Asia e Sudamérica.

A través desta iniciativa, os/as alumnos/as terán a oportunidade de demostrar o que aprenderon ao longo do curso, apoiados/as polo seu profesorado, na súa maioría músicos/as da Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: