TURISMO

As pernoctacións en Santiago crecen en abril un 19% e logran o seu máximo histórico neste mes

23/05/2019 O pasado mes de abril, os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela rexistraron 126.406 pernoctacións, segundo os datos publicados hoxe polo INE. É a mellor cifra de pernoctacións na cidade nun mes de abril, superando incluso as pernoctacións do Ano Santo 2010 no mesmo mes. Esta cifra foi posible grazas a un crecemento do 19,16% respecto do mesmo mes do ano pasado.

No pasado mes de abril creceron tanto as pernoctacións dos turistas domésticos coma dos turistas internacionais. Os domésticos chegaron ata as 70.633 pernoctacións, cun aumento do 18,50%, e os internacionais subiron ata as 55.753, cun incremento do 20,01%. Estas cifras amosan tanto a recuperación do mercado doméstico como a tendencia crecente do mercado internacional nos últimos anos.

Os datos de abril publicados polo INE confirman que o sector turístico da cidade viviu unha gran Semana Santa, tal e como xa adiantaban outros indicadores claramente vinculados coa actividade turística na cidade, como o tráfico no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, o número de persoas rexistradas no paro ou o número de peregrinos e peregrinas, que subiu un 30%.

O aeroporto de Santiago sumou en abril 253.393 pasaxeiros e pasaxeiras, cun crecemento do 8,8% respecto de abril do ano pasado. Con esta cifra conseguiu o seu récord histórico neste mes do ano, na liña das previsións para o conxunto do ano, no que o tráfico estimado sitúase arredor dos 2.900.000 pasaxeiros e pasaxeiras, co que se conseguiría un novo máximo anual.

A cifra de persoas rexistradas no paro na cidade baixou ata 5.353, cun descenso do 4,72% respecto do mes marzo. Foi o mellor mes de abril nos rexistros do paro de polo menos os últimos dez anos, tanto en termos porcentuais como absolutos, con 265 persoas menos rexistradas no paro en Santiago. Estas cifras amosan claramente o impacto positivo que ten a evolución turística no emprego da cidade.

Os datos positivos nas pernoctacións non se reducen só ao mes de abril e á Semana Santa. No primeiro cuadrimestre, Santiago sumou 319.363 pernoctacións, un 12,17% máis que o ano pasado. É o segundo mellor ano da serie histórica do INE, quedándose a penas a 2.000 pernoctacións das que se produciron no Ano Santo 2010. Os datos do primeiro cuadrimestre no seu conxunto confirman o crecente proceso de desestacionalización que está vivindo a cidade nos últimos anos.

Compartir: