MEDIO AMBIENTE

A Tropa Verde suma novos comercios colaboradores

23/05/2019 O proxecto Tropa Verde, impulsado pola empresa Teimas Desenvolvemento en colaboración co Concello de Santiago e Urbaser, continúa incentivando as boas accións ambientais e a reciclaxe a través de recompensas directas aos cidadáns composteláns e compostelás comprometidos. Cada vez que unha persoa acode a un centro habilitado como entidade colaboradora a entregar residuos, recibe un cheque con estrelas que pode trocar por recompensas en forma de premios e descontos. Agora súmanse ao proxecto os establecementos de venda de electrodomésticos integrantes da Asociación Nacional de Emrpesas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN).

Coa incorporación desta rede de comercios habilítanse sete puntos novos onde se pode facer entrega de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos unha vez que estes chegan ao final da súa vida útil: ITC Electrodomésticos (Valiño, 1-baixo), Star Center Santiago (praza de Vigo, 2), Cenor Santiago (Angustia, 17-baixo), Radio Teledomestic (Amor Ruibal, 1), Tien21 Santiago (Montero Ríos, 36), Cenor Klima (Vilagarcía, 38) e Star Center Costa Vella (Amio, 116).

Con esta ampla rede de novos centros colabórase activamente no labor de concienciación ambiental da cidadanía e promóvese o desenvolvemento sustentable como elemento clave da economía circular. Ademais, dáse resposta a unha das demandas máis frecuentes da veciñanza, como é a de recibir recompensas polo seu esforzo á hora de colaborar na recollida selectiva de residuos.

Direcciones relacionadas



Compartir: