TURISMO

Santiago promociónase en Frankfurt como destino de congresos e eventos internacionais

22/05/2019 Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participa no IMEX Frankfurt, a feira profesional de Turismo de Reunións e Incentivos, que se celebra entre o 21 e o 23 de maio. Trátase da feira especializada do sector de congresos, reunións e incentivos máis importante do mundo, con máis de 3.500 expositores de máis de 150 países.

O SCCB participa no IMEX para promocionar Santiago como sede para eventos, congresos e viaxes internacionais de incentivo, así como para informar das últimas novidades do destino: melloras nas conexións aéreas internacionais, ampla dispoñibilidade de espazos para congresos e novas ferramentas para facilitar o traballo das empresas organizadoras de eventos.

Na axenda do SCCB inclúense reunións con axencias de incentivos, turoperadores, prescriptores e OPCs de diversos países. Ademais, por primeira vez, o SCCB participará nunha sesión de networking para asociados da International Congress and Convention Association (ICCA), á que pertencen os destinos máis importantes do mundo, así como as empresas e entidades internacionais máis importantes do sector dos congresos e eventos.

O sector dos eventos, congresos e reunións de incentivos está vivindo neste 2019 un gran ano, logo da recuperación do sector congresual nos últimos anos. Por exemplo, só en eventos médicos, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acollerá once grandes con máis de 20.000 participantes, cunha media de gasto por visitante moi superior á dos turistas tradicionais.

Compartir: