LINGUA

O Proxecto Youtubeir@s busca fortalecer no mes de xuño a comunidade creadora en galego na rede a través de dous encontros

22/05/2019 No marco do Proxecto Youtubeir@s, Santiago e A Coruña acollerán dous encontros co obxectivo de establecer relacións de intercambio e debate entre o público e a comunidade creadora de contidos en Youtube. O acto "Youtubeir@s en conexión" desenvolverase na Coruña o 8 de xuño, mentres que Santiago acollerá o 28 de xuño o encontro "Lista de reprodución ao vivo".

O Proxecto Youtubeir@s busca para este ano non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que produce contido en Youtube. Así, o Proxecto Youtubeir@s organiza por vez primeira dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube, coa meta de motivar a súa vinculación e de crear redes conxuntas de traballo.

O primeiro deles, "Youtubeir@s en conexión", terá lugar o vindeiro 8 de xuño na Coruña, e estará aberto á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube. Buscará achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase entre as 10:30 e as 13:30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal.

O segundo evento, "Lista de reprodución ao vivo", será o 28 de xuño, entre ás 18:00 e ás 20:00 horas, no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Consistirá nun encontro directo entre youtubeir@s e público, nun acto que emulará en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as "espectadores/as". Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos".

Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.

Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público, que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En total, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

Proxecto Youtubeir@s
O Proxecto Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Santiago, A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Neste 2019 celebra a súa terceira edición baixo o lema "Conéctate á comunidade e multiplícate".

Direccións relacionadas



Compartir: