CONSORCIO

Santiago participa nun proxecto europeo destinado a crear un modelo de gobernanza e sostibilidade común para as Cidades Patrimonio da Área Atlántica

20/05/2019 O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo AtlaS-WH, integrado no programa Interreg Atlantic Area do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Céntrase na sostibilidade das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica e arrancaba a finais de 2017. Nesta iniciativa, liderada pola cidade portuguesa de Porto, participan tamén como socios as cidades de Santiago, Burdeos e Edimburgo, aos que acompaña ademais Florencia pola súa experiencia na xestión de sitios Patrimonio Mundial. Esta semana vaise celebrar unha xuntanza dos socios en Porto, á que asistirán a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio Idoia Camiruaga, coordinadora do proxecto por parte de Santiago.

"Os sitios urbanos do Patrimonio Mundial representan un importante valor cultural no contexto da Área Atlántica, de xeito que este proxecto é un paso relevante para a súa preservación, mellora e sostibilidade", manifesta Camiruaga. O proxecto responde aos obxectivos de desenvolvemento sostible da UNESCO, que pretende, de aquí a 2030, "poñer en práctica políticas encamiñadas a promover un turismo sostible que cree postos de traballo e promova a cultura e os produtos locais".

Así, dentro dunha metodoloxía común, os principais desafíos aos que se enfronta cada sitio Patrimonio Mundial, incluído o turismo, son a perda de poboación, a xestión de riscos, o cambio climático e a eficiencia enerxética.

Por outro lado, búscase desenvolver estratexias e políticas públicas para a sostibilidade destas cidades, así como modelos participativos, abertos á comunidade. Preténdese desenvolver ferramentas de xestión e guías de avaliación. Por último, a idea é crear unha rede duradeira de sitios urbanos do Patrimonio Mundial para intercambiar mellores prácticas e reforzar a súa cooperación.

O resultado principal do proxecto será os Plans de Sostibilidade de cada sitio, dirixidos a mellorar a súa protección e atractivo, promover actividades económicas locais e o benestar social das poboacións.

O papel de Santiago neste proxecto
O Consorcio de Santiago foi incorporado a este proxecto debido á súa experiencia na xestión e protección do patrimonio. O seu labor céntrase en detectar os desafíos comúns aos que se enfrontan as cidades participantes nesta iniciativa, a través do estudo dos plans estratéxicos e do planeamento urbano de cada unha delas, analizando a súa situación e problemas concretos. O propósito é chegar a unha estratexia única de cara a mellorar a súa habitabilidade e sostibilidade, destacando o valor da participación cidadá en todo este proceso de mellora.

Este estudo de diagnóstico inicial, xa realizado, inclúe o estado do patrimonio en cada unha das cidades, a conservación dos edificios, a situación do espazo público, habitantes, actividades económicas predominantes, medio ambiente, turismo, ferramentas de xestión existentes, ademais do modelo de gobernanza e sostibilidade. Servirá de punto de partida para crear a metodoloxía para o Modelo de Sostibilidade e Gobernabilidade de sitios Patrimonio Mundial na Área Atlántica.

Deste estudo de diagnóstico inicial conclúese que na actualidade nos sitios Patrimonio Mundial o turismo, que debe ser unha fonte de ingresos para o conxunto da cidadanía, preséntase como unha ameaza e, ademais, que cómpre facer cidades sostibles (medioambiente, xestión do lixo e da auga, mobilidade…). "Para iso será preciso desenvolver recursos e ferramentas que permitan unha xestión óptima do turismo, de xeito que as cidades non se convertan en parques temáticos e se teña en conta aos propios cidadáns neste proceso", indica Camiruaga.

Así, o reto común é cambiar o paradigma da regulación dos sitios Patrimonio Mundial. "Ademais da protección destes espazos urbanos, debemos garantir a súa reactivación e revitalización", salienta a arquitecta do Consorcio de Santiago.

O proxecto, que se aprobou en 2017 e se prolongará ata finais deste ano, conta cun presuposto global de 1.822.665 euros, dos cales 1.366.998,75 están financiados por Fondos FEDER.

Compartir: