DEPORTE

Compostela recupera a súa Volta Ciclista da Ascensión

20/05/2019 As rúas de Compostela acollerán o vindeiro xoves 30 de maio a XIX edición da Volta da Ascensión, unha proba clásica do calendario ciclista galego que volve este ano á cidade nestas datas festivas. Comezará ás 15:30 horas, con saída e chegada na avenida de Xoán Carlos I.

O XIX Trofeo da Ascensión – Cidade de Santiago foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Deporte, Noa Morales, quen destacou que esta proba é "unha gran oportunidade de ver moi bo ciclismo e de apostar tamén polo deporte do marco das festas da Ascensión". Acompañárona na rolda de prensa o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o presidente do Club Ciclista Compostelano, José Luis Neira, a Antía María Lois Gende, alumna do Colexio La Salle e autora do cartaz da proba.

A carreira terá un percorrido de case 130 quilómetros por Compostela e concellos do entorno, con dous portos puntuables, o alto de San Xurxo de Vea e o alto de Quintáns. A proba é a segunda do calendario da Copa Galicia 2019 e tamén é valedoira para a clasificación estatal nas categorías Elite e Sub-23.

Escolas e Cadetes
Este XIX Trofeo da Ascensión contará tamén cunha proba para as categorías Escola e Cadetes. Será o sábado 1 de xuño, a partir das 16:30 horas, nas inmediacións do Estadio Vero Boquete de San Lázaro.

Direccións relacionadas



Compartir: