EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Publicada a listaxe de renovacións e vacantes nos obradoiros de verán das escolas infantís municipais

14/05/2019 As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños teñen aberta a inscrición nunha nova edición dos seus obradoiros de verán, que se desenvolverán durante o período de vacacións escolares. Rematado o prazo de renovación, quedaron 37 prazas vacantes das 45 dispoñibles: 10 en Conxo, 13 nas Fontiñas e 14 en Meixonfrío. O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso estará aberto do 15 ao 21 de maio.

Estes obradoiros están destinados a nenos e nenas empadroados en Santiago que cursen estudos de 2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. Os obradoiros realizaranse durante o mes de xuño (días 24, 25, 26, 27 e 28), xullo (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos), agosto (do 1 ao 30, agás sábados, domingos e festivos) e setembro (dende o día 2 ata o comezo do curso escolar 2019-2020). As familias poden escoller entre varias modalidades: 5 días soltos en xuño, mes completo en xullo ou en agosto e días soltos en setembro.

O horario dos obradoiros de verán será de 10:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de almorzo (de 9:00 a 10:00 horas), un servizo de comedor (de 14:00 a 15:00 horas) e horas a maiores (entre as 7:30 e as 10:00 e entre as 14:00 e as 16:00 horas). Os obradoiros desenvolveranse nas propias escolas, agás no mes de agosto, no que se concentrarán na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños.

Tarifas
As tarifas dos obradoiros van dende os 12 euros dos días soltos ata os 125 euros dun mes completo. De precisarse outros servizos ofertados, o prezo dos almorzos oscila entre os 2 euros dos días soltos e os 30 euros do mes completo, mentres que o custo do comedor oscila entre os 5 euros (día solto) e os 75 euros (mes completo). As horas soltas fóra do horario dos obradoiros teñen un prezo de 3 euros, que serían 15 no caso da tarifa mensual.

Solicitudes
Unha vez rematado o período de reserva de prazas e publicadas as vacantes dispoñibles, o prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso estará aberto do 15 ao 21 de maio.

Os/as solicitantes terán que cubrir a solicitude e entregala no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16). O impreso de solicitude está dispoñible, xunto coa información complementaria, nas escolas infantís, no Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e nesta web.

Direccións relacionadas



Compartir: