EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Cambio de ubicación do Programa de Conciliación de Verán ao CEIP Vite 1

14/05/2019 A Concellaría de Educación e Cidadanía comunica que, por razóns de seguridade, debido ao anuncio das obras que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai realizar durante o verán no CEIP Raíña Fabiola, o Programa Municipal de Conciliación Escolas de Verán realizarase no CEIP Vite 1 (avenida do Burgo das Nacións, 8) e non no CEIP Raíña Fabiola, tal e como estaba previsto. Polas razóns expostas, calquera referencia ao CEIP Raíña Fabiola na ficha de inscrición e na información sobre o programa, tense que entender referida ao CEIP Vite 1.

Cómpre lembrar que o luns 13 de maio abriuse o prazo de inscrición no Programa Municipal de Conciliación Escolas de Verán 2019, que se desenvolverá no período de vacacións escolares no devandito CEIP Vite 1 e tamén no CEIP Monte dos Postes. A inscrición estará aberta ata o venres 31 de maio.

O Programa Municipal de Conciliación Escolas de Verán está dirixido a nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria de Santiago (ambos os dous inclusive). As actividades realizaranse os días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño; todo o mes de xullo (agás sábados, domingos e festivos) e os días 2, 3, 4, 5 e 6 de setembro. No caso de xullo, os pais e nais poden optar por algunha das catro quendas do mes. Tamén é posible escoller días soltos.

O horario máximo será de 7:45 a 16:00 horas. Haberá un servizo de madrugadores (aula matinal) con almorzo de 7:45 a 9:00 horas, mentres que os obradoiros e actividades desenvolveranse de 9:00 a 14:00 horas. A continuación, existe a opción de facer uso do servizo de comedor de 14:00 a 16:00 horas.

Os obxectivos do programa de conciliación pasan por promover actividades que favorezan a diversión, creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades de lecer e tempo libre, promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; e coñecer o entorno que nos rodea.

Ata o 31 de maio
O prazo de inscrición está aberto ata o venres 31 de maio, se ben a tramitación quedará aberta mentres haxa prazas dispoñibles. A inscrición formalizarase cubrindo o impreso de solicitude e entregándoo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago ou no Rexistro Auxiliar situado no CSC do Ensanche.

Haberá un desconto do 20% para quen acredite ser familia monoparental, numerosa e cando participen dous irmáns ou irmás no programa. Ademais, contémplase un desconto do 50% ou do 100% para familias con escasos recursos.

Direcciones relacionadas



Compartir: