CONSORCIO

O prazo para inscribirse no curso de Especialización Instrumental da EAEM remata o vindeiro 23 de maio

13/05/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2019-2020. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión.

O curso académico comeza no mes de outubro de 2019 e remata en xuño de 2020. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os/as participantes terán a oportunidade de ofreceren concertos públicos. Os/as alumnos/as recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.

As solicitudes deberán presentarse ata o día 23 de maio a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as interesados/as terán que xuntar o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade, así como a relación de obras que cada un vai interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos/ás aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.

Probas de selección dos candidatos
As probas de selección das diferentes especialidades terán lugar os días 8 e 9 de xuño na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles/as candidatos/as que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.

Compartir: