XUNTA DE GOBERNO

Iniciado o procedemento de licitación dos Fogos do Apóstolo, con maior dotación que en 2018

10/05/2019 A Xunta de Goberno acordou este venres iniciar o procedemento de adxudicación dos Fogos do Apóstolo, cun orzamento incrementado en máis de 40.000 euros con respecto a 2018. Será o Consorcio quen financie o espectáculo, cunha achega de 260.000 euros.

O alcalde e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, explicou que "o incremento da achega do Consorcio e, xa que logo, do orzamento de licitación dos Fogos, responde á constatación da pouca marxe económica que tiñan as empresas para ofertar un espectáculo da calidade requirida". Nesa liña, explicou que "o ano pasado atopámonos con algúns problemas para que as empresas quixeran presentar ofertas, e iso que para o sector os Fogos do Apóstolo de Santiago son o mellor escaparate promocional". O rexedor apuntou que "o orzamento para os Fogos viña sendo moi axustado dende hai anos, e máis coa introdución de novas tecnoloxías e de requirimentos en materia de seguridade na parte pirotécnica".

Martiño Noriega explicou que "a licitación mantén os mesmos condicionantes que o ano pasado, prevese a proxección sobre o Pazo de Raxoi, e prevese como mellora a repetición do espectáculo audiovisual".

Outras licitacións
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou iniciar a licitación do servizo de cafetería da Granxa do Xesto, cun canon mínimo anual de case 5.000 euros. O alcalde explicou que "este será o terceiro intento de adxudicar o servizo, despois de que quedaran desertas dúas licitacións, a primeira delas reservada para empresas de inserción social". Martiño Noriega sinalou que "a vontade é a de poñer en servizo a cafetería, porque entendemos que ten unha importancia estratéxica como outros dous establecementos que conseguimos abrir nos últimos anos despois de moito tempo pechados, como son as cafeterías da estación de autobuses e a do Auditorio".

Hoxe tamén recibiu luz verde o proxecto técnico para a mellora da instalación eléctrica da piscina e do ximnasio de Santa Isabel. A actuación sairá a licitación cun orzamento de 94.000 euros, e cun prazo de execución de catro semanas

Convenios
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou hoxe varios convenios con diferentes entidades. Así, recibiron luz verde os acordos co Padroado da Casa da Troia, cunha achega municipal de 30.000 euros; co Museo do Pobo Galego, por 30.000 euros; coa Asociación Cultural Cidade Vella, por 20.000 euros; ou co Ateneo, por outros 20.000 euros. Tamén se aprobaron os convenios co Centro Cultural e Social Juan XXIII (60.000 euros), a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home (45.000 euros), Médicos del Mundo (10.000 euros) e a Oficina de Igualdade da USC (11.000 euros).

Ademais, deuse conta da sinatura dun convenio entre o Concello e a Deputación da Coruña para cofinanciar o sostemento do Centro Cívico e Xuvenil do Ensanche, O organismo provincial achega 144.000 euros a este acordo. Por último, aceptouse a subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industrial, por importe de case 270.000 euros, para a contratación de vinte traballadores e traballadoras desempregadas.

Documentos relacionados



Compartir: