ACCIÓN CULTURAL

Davide González inaugura en Santiago o programa de Residencias Paraíso 2019

08/05/2019 Residencias Paraíso comezou o seu terceiro ano de vida como programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas en Galicia. Os detalles da iniciativa foron presentados pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, nunha rolda de prensa na que tamén estiveron Caterina Varela, Félix Fernández e Rut Balbis, do Colectivo RPM; e Davide González, da compañía Incendiaria, residente na Sala Agustín Magán.

O proxecto Microspectivas dun marica millennial de Incendiaria (Davide González) resultou beneficiario dunha residencia na Sala Agustín Magán do Centro Cívico de Santa Marta de tres semanas de duración, nas que afondará nas chaves do seu proxecto arroupado pola equipa artística que o acompaña: Vanesa Sotelo e Laura Iturralde.

A programación expandida da súa estancia comprende un obradoiro e unha mostra aberta do proceso. O obradoiro está pensado para achegar as chaves do proceso a un grupo diverso. A vontade é a de compartir, tanto as escollas realizadas durante a súa estancia en residencia, como todo o material que se traballa e que remata desbotado. Ademais, busca reflexionar sobre os epicentros que sacuden o núcleo desta creación: identidade, memoria e liberdade sexual.

A segunda actividade ten carácter de mostra aberta ao público. Nela, poderemos desfrutar dun primeiro debuxo escénico fruto das tres semanas de residencia. Unha apertura en proceso fundamental onde calibrar a relación que provoca esta creación entre artistas e público.

Programa de Residencias Paraíso 2019
Residencias Paraíso é un programa que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros de arte ou facultades ou espazos non convencionais. Este exercicio de diálogo entre todas as partes –impulsores, coprodutores e espazos cómplices– e o que dota dunha identidade tan singular a este proxecto.

Este é un proxecto nacido no corazón de Colectivo RPM e que día tras día é un pouco máis de todas. Unha suma de forzas que fai posible que, na súa terceira edición, Residencias Paraíso abrira a convocatoria para acoller dez proxectos en residencia cun importe total de 20.000 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: