CONSORCIO

Este mércores, último día para visitar na Casa do Cabido a exposición de fotografías protagonizadas polas mulleres do Mercado de Abastos de Santiago

06/05/2019 A Casa do Cabido acolle, dende finais do pasado mes de xaneiro, a exposición Elas, retrato dun mercado, que reúne instantáneas realizadas polo fotógrafo Manuel Blanco ás mulleres do Mercado de Abastos de Santiago. A mostra está impulsada polo Consorcio de Santiago e as concellarías de Acción Cultural e Mercados do Concello de Santiago. O derradeiro día para percorrela será este mércores, 8 de maio. O horario da Casa do Cabido é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.

A mostra aglutina un total de 40 fotografías, dúas delas en branco e negro e as demais en cor. O fotoxornalista compostelán Manuel Blanco foinas captando ao longo de dezaoito anos. Comezou este proxecto en 2001 e durante todo este tempo logrou reunir unha boa cantidade de material que logo seleccionou "dun xeito natural, sen metodoloxía definida máis aló do instinto e a necesidade de perpetuar un legado primitivo de beleza". Así, manifesta que "o propósito principal desta exposición é poñer en valor á muller tradicional galega, tomando como referente ás mulleres que venden os seus produtos no Mercado de Abastos de Compostela".

Tal como indica o autor das instantáneas, "estas imaxes compoñen un álbum familiar, unha galería de emocións que sorrín nun mesmo lugar. Cada unha delas mostra un retrato instrumentado desde a complicidade entre un espazo, un fotógrafo e elas, que son as grandes protagonistas".

Na exposición poden contemplarse sobre todo retratos. Ademais das fotografías, exhíbese un vídeo con imaxes e comentarios das protagonistas, que falan da súa realidade, do seu día a día, o que nos permite achegarnos un pouco máis a elas.

Compartir: