ALCALDÍA

A carballeira de Conxo acolleu un xantar popular no día grande da II edición da Festa do Banquete

05/05/2019 A II edición da Festa do Banquete tivo o seu día grande cunha xornada festiva e alegre na carballeira de Conxo que durou dende a mañá ata ben pasada a tarde. Teatro, música, artesanía e moito máis nun domingo de recreación daquel 2 de marzo de 1856.

As actividades comezaron co desfile de obreiros e artesáns dende a praza do Toural a Conxo, para asistir ao pregón a cargo de Mercedes Franqueira, veciña do barrio. Ao finalizar o pregón, que tivo lugar na praza Aurelio Aguirre, as persoas asistentes á festa baixaron cara a carballeira onde, previamente á gran comida de confraternización, houbo unha sesión vermú a cargo de Caxade e unha recreación teatral da man de Os Quinquilláns. Ademais, Lucía Bañobre (Conxo), Olga Iglesias (Asociación Fonte da Virxe), Claudia Castro (Castiñeiriño), Nidia Aquino (Colectivo Paraguay) e Pablo David Villar (Santa Marta - A Choupana) foron as persoas encargadas de ler os brindes.

Tamén, ao igual que o ano pasado, houbo postos de comida e bebida na zona da carballeira , aínda que moitos levaron a comida da casa. Grazas á Asociación de Hostalería entregáronse arredor de 1.000 racións de cabra. A festa continuou pola tarde co Serán da Fraternidade, unha foliada de música tradicional cos Muiñeiros do Sarela e Os Fondaos do Pífaro. Logo veu a despedida da Festa do Banquete 2019 e o convite á seguinte edición. Houbo discursos de Pacheco Otero, en representación do barrio de Santa Marta – A Choupana), María Monteagudo, do Castiñeiriño, e Xavier Sánchez, de Conxo.

Mercado do Libro e da Artesanía
Todo isto veu acompañado do Mercado do Libro e da Artesanía na praza de Aurelio Aguirre, no que participaron un total de 19 expositores, dez librarías e nove obradoiros de artesanía. Ademais das librarías e das artesás e dos artesáns que formaron parte do mercado, este completouse con numerosas actividades para persoas adultas e crianzas, así como con xogos populares no horario do mercado.

Ademais, a Festa do Banquete foi o primeiro evento que seguiu a Guía de Eventos Sustentables do Concello de Santiago. Unha das medidas máis visibles foi a distribución gratuíta de "ecovasos", que cada quen podía levar para a casa para reutilizar noutros eventos, ou que foron retirados polo Concello para a súa reutilización. Estaba previsto o reparto de 4.000 unidades destes vasos. Ademais, este ano eliminouse o plástico tamén nos pratos nos que se servían as racións de cabra e aproveitouse este evento para informar á veciñanza das medidas que se poden adoptar para contribuír ao obxectivo de termos uns eventos máis sustentables e menos xeradores de residuos.

Direccións relacionadas



Compartir: