IGUALDADE

A Concellaría de Igualdade colabora un ano máis no "Verán CampUSC"

30/04/2019 O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por cuarto ano consecutivo coa Fundación USC Deportiva e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC no programa Verán CampUSC, concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán, para rapaces e rapazas de 3 a 13 anos. A preinscrición xa abriu e pecharase o 9 de maio.

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, participou na presentación dos detalles da programación do Verán CampUSC 2017 xunto á vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida.

O programa desenvolverase en horario de 8:45 a 14:45 horas, con cinco posibles quendas: do 24 ao 28 de xuño; en xullo, do 1 ao 12, do 15 ao 19 e do 22 ao 31; e en setembro entre os días 2 e 10. O programa levarase a cabo nas instalacións deportivas da USC e noutras acordadas segundo as actividades. Ofértanse 100 prazas en cada quenda, das que 70 se reservan á comunidade universitaria e persoal da Fundación USC Deportiva e o resto para público en xeral.

As persoas interesadas deberán cubrir o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da Fundación USC Deportiva. O 14 de maio publicaranse as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda e o 20, logo das reclamacións, a definitiva.

Ao longo do programa amosaráselles aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo ás particularidades das súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Entre outras, os rapaces e rapazas realizarán deportes de raqueta e de loita, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos ou populares. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade e da súa contorna.

Compartir: