CONVIVENCIA

Protección Civil de Santiago presenta o seu plan de formación no XX Encontro Nacional de Voluntarios de Protección Civil

27/04/2019 A agrupación compostelá de Protección Civil estivo representada no XX Encontro Nacional de Voluntarios de Protección Civil, que se celebrou onte e hoxe en Madrid. A xefa da agrupación santiaguesa, Begoña del Río, ofreceu unha conferencia no marco do foro sobre o plan de formación dos voluntarios en Compostela.

O XX Encontro Nacional de Voluntarios de Protección Civil celebrouse onte e hoxe en Madrid, na sede central do Samur na Casa de Campo. A el asistiron representantes de organizacións de Protección Civil de toda España, así como outras institucións que mostraron os recursos que se utilizan en caso de emerxencia.

A xefa da agrupación de Protección Civil de Santiago, Begoña del Río, ofreceu onte unha das conferencias do programa, invitada polo Samur. Na súa intervención deu conta do plan de formación da Agrupación Civil de Santiago, no que se inclúen actividades da Academia Galega de Seguridade, pero tamén outras financiadas cos orzamentos municipais e impartidas por voluntarios veteranos ou membros das Forzas e Corpos de Seguridade.

Begoña del Río explicou que os membros de Protección Civil de Santiago participan en cursos de temática moi variada, dende idiomas a cerraxería, pasando por linguaxe de signos, habilidades sociais e traballo en equipo ou coidado do patrimonio. A responsable de Protección Civil salientou tamén que os voluntarios e voluntarias imparten formación en primeiros auxilios en centros de educación primaria e secundaria.

Compartir: