IGUALDADE E MEDIO RURAL

O Concello organiza andainas para as mulleres do rural e a exposición "As que fomos"

26/04/2019 Tras a celebración dos obradoiros de empoderamento das mulleres do rural postos en marcha nos últimos meses, as parroquias de Compostela volven ser o epicentro da igualdade con dúas accións máis organizadas polos departamentos que dirixen Marta Lois e Rafael Peña. As accións foron presentadas hoxe por ambos edís, acompañados de varias mulleres que participarán nas mesmas, así como da técnica de Centros Cívicos do rural, María Pose, e da encargada das actividades, Cruz Dafonte.

No caso das andainas polo rural, poderán participar mulleres de calquera idade que viven nas parroquias de Santiago. Os obxectivos desta actividade pasan por crear redes de apoio entre as participantes, promover hábitos de vida saudables e tamén fomentar o coñecemento da contorna. "Unha das frases máis repetidas no encontro que tivemos hai aproximadamente un mes en Busto foi precisamente o descoñecemento que as mulleres das parroquias teñen doutras parroquias do Concello e por iso entendemos esta actividade fundamental", apuntou Marta Lois. Nesa liña se pronunciou o edil Rafael Peña, quen asegurou que "o rural segue a ser ese gran descoñecido, non só para a xente que vive nos barrios da cidade, senón tamén para a veciñanza doutras parroquias, e quixo "animar a todas as veciñas a que se sumen a esta actividade".

Os roteiros serán circulares, de 5 km aproximadamente e de dificultade baixa, acordes a calquera tipo de forma física. Comezarán na parroquia da Sabugueira o 29 de abril ás 18:00 horas, continuando en Enfesta, Marantes e Nemenzo o 14 de maio ás 18:00 horas, e rematando en Figueiras o martes 21 de maio ás 17:30 horas.

Exposición
No marco das accións impulsadas polo concello para empoderar as mulleres do rural, levarase a cabo unha exposición fotográfica que leva o nome de As que fomos. Trátase dunha mostra itinerante composta por cinco paneis que recollen unha escolma de fotos da vida das mulleres que participaron nos obradoiros As que fomos. Entre os obxectivos da acción están a recuperación a memoria histórica das mulleres, ao mesmo tempo que visibilizar e poñer en valor o seu traballo e os seus logros. Tamén servirá para que se recoñeza a contribución das mulleres ao desenvolvemento da sociedade.

A exposición comezará no mes de maio en Verdía e rematará na parroquia de Marantes no mes de novembro, permanecendo en cada unha arredor de 15 días. Así, entre o 2 e o 16 de maio será a quenda de Verdía, entre o 17 e o 31 de maio a de Figueiras, entre o 3 e o 17 de xuño a de Nemenzo, entre o 18 de xuño e o 2 de xullo a exposición estará na Gracia, entre o 1 e o 15 de outubro pasará por Bando, entre o 16 e o 30 de outubro por A Peregrina, entre o 1 e o 15 de novembro por Grixoa, e finalizará na parroquia de Marantes entre o 16 e o 30 de novembro.

Compartir: