CONSORCIO

O violoncellista canario Ángel Luis Quintana formará neste instrumento a músicos/as noveis galegos/as

25/04/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos/as. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana, o violoncellista canario Ángel Luis Quintana formará neste instrumento tanto aos/ás estudantes da Escola como a alumnos/as externos/as interesados/as en perfeccionar a súa interpretación con este instrumento.

As clases celebraranse o venres 3 de maio, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola, www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Profesor no Conservatorio de Rótterdam

Ángel Luis Quintana naceu en Las Palmas de Gran Canaria, onde comezou os seus estudos musicais. Continuou a súa formación en Madrid, na Escuela Superior de Música Reina Sofía. Formouse con mestres do talle do músico ruso Mstislav Rostropóvich, considerado o mellor violoncellista da súa xeración.

Conta con numerosos galardóns para o seu instrumento. Foi solista da Orquesta de RTVE e da Orquesta de Cámara Reina Sofía, profesor do Conservatorio de Guadalajara e profesor asistente na Escuela Reina Sofía. Na actualidade é solista da Orquesta Nacional de España, profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceo de Barcelona e profesor convidado do Conservatorio de Rótterdam. Dende 2013 é profesor do Curso Universitario Internacional de Música Española "Música en Compostela".

Participa con regularidade nos máis prestixiosos ciclos de música de cámara e colabora como solista con algunhas das orquestras e agrupacións máis relevantes. Toca un violoncello J. Guadagnini "Il Soldato" do ano 1800, cedido pola Fundación Columbus.

Compartir: