XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local abre un expediente á empresa encargada da xestión dos centros cívicos

17/04/2019 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar un expediente a Ferrovial, a empresa adxudicataria do servizo de dinamización e mediación sociocultural da Rede de Centros Cívicos, polo incumprimento reiterado das condicións establecidas no seu contrato. O alcalde, Martiño Noriega, deu conta da decisión "que responde ás deficiencias que se veñen observando no funcionamento do servizo e que se poden considerar infraccións moi graves".

Ferrovial empezou a xestionar os centros cívicos en xullo de 2018, e a partir de outubro empezáronse a recibir queixas da veciñanza sobre a prestación do servizo. Foi entón cando o Goberno decidiu reforzar o control sobre o funcionamento da rede e sobre a adxudicataria, e cando se nomeou unha comisión técnica de supervisión integrada por tres traballadores municipais que mantivo reunións semanais coa empresa para analizar as incidencias detectadas nos centros.

A comisión técnica para o seguimento do Servizo de Centros Cívicos elaborou un informe no que se recollen deficiencias relativas a cuestións de persoal, de material e de coordinación que "afectan á esencia do servizo, e que se poden considerar infraccións moi graves, que levan aparellada unha sanción máxima de 30.000 euros". A empresa Ferrovial recibirá a notificación do inicio do expediente e terá un prazo de 15 días para presentar as alegacións que estime oportunas.

Axudas complementarias para as ARIS
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a convocatoria das subvencións municipais complementarias para as Áreas de Rehabilitación Integral. O alcalde explicou que estas axudas "son complementarias ás que concede o Ministerio de Vivenda, e que cobren ata o 45% das actuacións nos edificios". O obxectivo é que "estas subvencións completen ata o 100% do custo das obras, para as persoas con menos recursos". O Goberno destinará un total de 175.000 euros a estas axudas, que serán dun máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria. A convocatoria debe publicarse no BOP, e a partir de aí abrirase un prazo para solicitar as subvencións que rematará o 30 de setembro de 2019.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: