XUNTA DE GOBERNO

A zona vella contará cun novo centro cívico na Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega, cedida pola USC

17/04/2019 A veciñanza da cidade histórica terá ao seu dispor un novo centro cívico nas Casas Reais, na Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, antes de que remate este ano. Será nun inmoble propiedade da Universidade de Santiago, que lle cederá o seu uso ao Concello en compensación polo atraso no traslado da Facultade de Odontoloxía, que ocupa un inmoble de titularidade municipal. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o texto do convenio que contempla esta operación.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o convenio "resolverá unha vella demanda da veciñanza da cidade histórica, que na actualidade dispón dun local que non reúne as condicións máis axeitadas". Ademais, lembrou que "o Goberno tiña previsto no orzamento de 2019 o arranxo doutro inmoble na praza de Salvador Parga para converterse no Centro Cívico da zona vella, pero ese proxecto non puido executarse pola situación de prórroga orzamentaria". Agora, apuntou, "deuse cunha solución que será máis rápida, e que poderá realizarse ao longo deste ano".

O convenio que asinarán o Concello de Santiago e a Universidade ten como obxecto regular as consecuencias derivadas do atraso no traslado da Facultade de Odontoloxía. No acordo recóllese que o Concello adscribirá a favor da USC o edificio da rúa Entrerríos onde se atopa a Facultade, e que é de titularidade municipal, mentres que a Universidade de adscribirá gratuitamente ao Concello o uso da edificación de Casas Reais denominada Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, polo prazo de 25 anos. Ademais do centro cívico da zona vella, o Goberno prevé localizar neste espazo algunhas dependencias municipais.

Aparcadoiro de Pontepedriña
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a creación dunha nova zona ORA no aparcadoiro de Pontepedriña e a encomenda da súa xestión a Tussa. O alcalde explicou que "o acordo chega tras a sinatura dun acordo entre o Goberno e o ADIF para implantar unha tarifa simbólica nesta área, que garanta a rotación dos vehículos e sen producir beneficios económicos para o Concello". Martiño Noriega explicou que "inicialmente, o aparcadoiro funcionará baixo o réxime da longa duración, ata que se aprobe definitivamente a ordenanza fiscal da ORA que contempla unha nova tarifa para os estacionamentos de borde". O estacionamento de Pontepedriña terá 193 prazas, e a súa xestión será levada a cabo por Tussa.

Outros acordos
Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno acordou iniciar a licitación do servizo de xestión das escolas municipais de verán, ao que se destina un orzamento de case 74.000 euros. Tamén se iniciou o procedemento de adxudicación do contrato de subministro de novos equipos para a respiración autónoma, máscaras faciais respiratorias, cascos de protección individual e outros materiais complementarios para o servizo de extinción de incendios. A este equipamento destinaranse 135.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: