XUNTA DE GOBERNO

A Concellaría de Mocidade organiza un novo campamento de verán de vela e actividades náuticas

12/04/2019 A Concellaría de Mocidade organiza unha nova edición do Campamento de verán de vela e actividades náuticas. A actividade desenvolverase entre o 4 e o 23 de xullo, e está dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o Campamento de verán de vela e actividades náuticas, que se vai desenvolver no albergue xuvenil do colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo. Están previstas dúas quendas: unha primeira do 4 ao 11 de xullo e a segunda entre o 16 e o 23. O calendario de preinscrición para participar nas actividades establécese do 13 de maio ao 3 de xuño. Cada persoa poderá realizar un máximo de dúas solicitudes, agás no caso de que as persoas inscritas sexan irmáns. As prazas serán cubertas por rigorosa orde de preinscrición.

O Campamento de vela contempla a realización de diferentes actividades náuticas como vela, windsurf, kaiak, ou buceo, pero tamén outro tipo de propostas como sendeirismo, xeocatching. O prezo do campamento é de 120 euros, e haberá descontos para os segundos irmáns ou para familias numerosas.

Outros acordos da Xunta de Goberno
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron varios convenios de colaboración. Así, recibiron luz verde o acordo co Curso Internacional Música en Compostela, que supón unha achega municipal de 5.000 euros; o acordo coa Asociación Cultural O Galo, por 2.000 euros; e o convenio co Club Atletismo Fontes do Sar para o desenvolvemento da carreira popular nocturna SanYago 10K, que contempla unha achega municipal de 12.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno deulle o visto bo á ampliación do horario de peche dos establecementos de hostalería nas noites do 12 ao 21 de abril, por mor da Semana Santa, e do 29 ao 31 de maio e do 1 ao 2 de xuño, por mor das festas da Ascensión.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: