FACENDA

O Pleno debaterá este mércores a aprobación de tres modificativos de crédito por importe de 814.206 euros

08/04/2019 A Concellaría de Facenda vén de preparar tres novos modificativos de crédito que serán debatidos no Pleno ordinario deste mércores 10 de abril. Os expedientes suman un importe total de 814.206 euros.

O primeiro deles servirá para dotar de fondos propios a reurbanización da rúa Clara Campoamor, financiada nun 80% con fondos da EDUSI e un 20% con recursos municipais. Neste caso, o expediente ascende a 103.466 euros e permitirá dotar a esta obra do crédito necesario que non vén recollido na prórroga orzamentaria.

O segundo modificativo ten como obxectivo aboar os gastos de remate de distintas obras que se comezaron o exercicio pasado e que, ao pertencer ao capítulo de investimentos, non se prorrogaron no orzamento. Deste xeito habilitarase crédito para o remate das obras de Espírito Santo, os accesos ao Palacio de Congresos, a pavimentación da avenida do Cruceiro da Coruña ou a N-550 de Cesar a Barciela. Finalmente habilitaranse 503.774 euros para o pagamento de gastos correntes e servizos varios, especialmente subministro eléctrico.

Preto de 13 millóns de euros
Con estes novos modificativos de crédito son 27 os expedientes tramitados no que vai de 2019, que suman un total de 12.700.000 euros. A motivación dos mesmos foi, entre outros, dotar de orzamento para contratación de persoal, servizos como a ORA e o guindastre, o Smartiago, obradoiros de emprego e propostas de igualdade, así como sentenzas xudiciais e obras que estaban previstas no borrador de orzamentos e sen consignación no prorrogado como as anualidades de Castrón Douro e o elevador de Triacastela, a Casa das Máquinas, a construción de parques infantís e o edificio multiusos na Lavacolla.

Compartir: