EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Seguen as actividades no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes

04/04/2019 Este xoves continúan as actividades do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes. Durante os meses de abril e maio, este día da semana é o escollido para o Círculo Literario con Suso de Toro, dirixido a alumnado dos institutos de Compostela, e para Shourruscado, actividade para nenos e nenas a partir de 10 anos que se celebra de 16:30 a 20:30 horas, con inscrición na dirección de correo shourruscado@gmail.com.

A seguinte actividade será este sábado, cando se celebrará a primeira das seis sesións dos Contacontos para a igualdade. Nesta primeira entrega, Raquel Queizás trae o seu espectáculo Somos iguais. Estes contacontos, dirixidos a nenos e nenas a partir de 3 anos, realízanse os sábados de abril e maio de 12:00 a 13:00 horas, con entrada aberta ata completar aforo.

Tamén durante estes dous meses, os luns é a quenda semanal de Ecosfera, os obradoiros medioambientais, que xa arrincaron o 1 de abril. Celébranse en horario de 17:00 a 19:00 horas e están destinados a crianzas de 7 a 10 anos. Inscricións en: proxectoecosfera@gmail.com.

O martes (neste caso cada 15 días), hai Contos con sons, de 17:30 a 18:30 horas. Esta é unha actividade aberta ata completar aforo para público familiar.

A programación do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes para abril e maio complétase os mércores coas Tardes xogantinas. Poden participar crianzas de 3 a 6 anos, en horario de 18:00 a 19:30 horas. A recepción está aberta dende dez minutos antes de cada sesión, ata completar as 15 prazas dispoñibles.

Cómpre lembrar tamén que a ludoteca conta con espazos de uso libre nos que as crianzas teñen que estar acompañadas polas familias.

Documentos relacionados



Compartir: