DEPORTE

Máis de 200 deportistas participarán este sábado nos 20º Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics

04/04/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá unha nova edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo Special Olympics que volven celebrarse en Santiago. Na rolda estivo acompañada por Eladio Fernández, presidente da entidade; Javier García, o seu secretario; e Jesús Cabo, un dos atletas que participará nas probas.

Os Xogos celebraranse este sábado 6 de abril nas pistas de atletismo da Universidade de Santiago e están organizados por Special Olympics Galicia, asociación dedicada á promoción das persoas con discapacidade a través do deporte e do ocio, coa colaboración de Fademga Plena inclusión Galicia, e da asociación local de Aspas.

Nesta nova edición dos Xogos participarán 242 deportistas con discapacidade intelectual de 20 asociacións de toda Galicia. Tamén colaborarán coa proba un total de 59 persoas voluntarias, de tal xeito que haberá máis de 300 persoas implicadas nas probas. Os xogos seguirán as regras básicas dos eventos deportivos organizados por Special Olympics, establecéndose diferentes niveis de participación en función dos coñecementos que os/as deportistas teñen das regras, así como das súas capacidades físicas.

Os/as atletas competirán nas probas de velocidade, medio fondo, fondo, salto de lonxitude, salto de altura, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida ou lanzamento de bola (softball), entre outras. A celebración destes Xogos segue o cerimonial das celebracións das Olimpíadas. Os e as deportistas das asociacións participantes desfilarán ante os presentes e, posteriormente, un deportista da Asociación Aspas lerá o lema de Special Olympics: "Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento".

A inauguración oficial dos Xogos será ás 10:45 horas, coa presenza de representantes do Concello de Santiago, da Deputación de Coruña e de directivos da entidade Aspas, Fademga Plena inclusión Galicia e Special Olympics Galicia.

Premio ás boas prácticas
Finalizados os Xogos, levarase a cabo a entrega do Premio ás Boas Prácticas no Deporte, destinado a enxalzar o comportamento daquela entidade que destaque pola súa deportividade e respecto ás normas e aos seus compañeiros. Cada entidade dispón dun único voto, que efectúa un deportista en nome de tódolos seus compañeiros. O premio pretende valorar unha serie de boas prácticas, entre as que se inclúen o cumprimento das normas, a nobreza na práctica deportiva, o xogo limpo e o compañeirismo, así como o predominio do sentido deportivo e o respecto a árbitros/as, voluntarios/as, delegados/as e compañeiros/as.

Compartir: