CONSORCIO

O pianista Nicholas Angelich ofrece tres concertos xunto á Real Filharmonía de Galicia

01/04/2019 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana tres concertos baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre Paul Daniel, e cun dos mellores pianistas do momento, Nicholas Angelich. O xoves 4, a cita será no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O venres, a orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia (Santiago), ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. E o sábado celebrarase un concerto no Palacio da Ópera da Coruña, que comezará ás 20:00 horas.

O programa, titulado "Parafraseando a Schumann", será unha homenaxe ao compositor alemán Robert Schumann (1810-1856). Os concertos comezarán coa obra Carmaval, unha colección de 21 pezas breves que representan un baile de máscaras. Por ela desfilan variados personaxes reais e imaxinarios, entre eles os populares personaxes da comedia da arte italiana como Arlequín ou Pierrot, ademais do propio Schumann e a súa muller Clara, xunto a algúns dos seus amigos e colegas.

Logo soará, por primeira vez en España, Scenes from Schumann, do británico Robin Holloway (1943), que asistirá á estrea. Cada movemento baséase nunha peza de Schumann na que Holloway intensificou as emocións do orixinal. O resultado é unha homenaxe ao espírito e ao estilo do antigo romanticismo francés e alemán.

O virtuosismo de Nicholas Angelich ao piano
O broche final poñerao o Concerto para piano en La menor op. 54 de Schumann. Trátase dunha partitura de gran dificultade para o solista, debido a que require unha especial musicalidade, estilo e sensibilidade. Será interpretado polo pianista estadounidense Nicholas Angelich.

Angelich comezou a estudar piano coa súa nai aos cinco anos. Aos sete xa ofreceu o seu primeiro concerto e aos trece ingresou no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, onde obtivo o Primeiro Premio de piano e música de cámara. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos galardóns, o último deles o pasado mes de febreiro, cando foi recoñecido, por segunda vez, co Premio Victoires da Musique ao "Mellor solista instrumental do ano".

Tocou coa Filharmónica de Nova York no Lincoln Center, realizou unha xira por Xapón coa Orquestra Nacional de Francia e colaborou coa Orquestra Nacional de Rusia en Moscova. Ademais das principais orquestras de América do Norte, tocou coas máis relevantes agrupacións de Europa e Asia, baixo a dirección de grandes batutas. A súa ampla discografía recibiu os principais recoñecementos da crítica especializada.

Estrea de Sálvora, do compositor galego Xabier Mariño
O programa inclúe a estrea da obra Sálvora, do compositor galego Xabier Mariño (Ponteareas, 1983). É un encargo da Real Filharmonía de Galicia para esta tempada, dentro do seu labor de apoiar e impulsar os novos compositores da comunidade. Tal como relata o autor, "conta a lenda que, durante a exploración da costa galega por parte dos viquingos, ocorreu un feito que provocou por primeira vez o medo neses bravos guerreiros. Ao aproximarse ás costas da illa de Sálvora, as embarcacións víronse sorprendidas por uns sons que os estremeceron. Eran sereas, que os hipnotizaban e amedrentaban. Unha delas acabou conquistando ao líder da expedición e froito dese suceso naceu o primeiro "Mariño".

Na obra, toda esta historia constitúe un dos fíos argumentais, ademais doutras cuestións propias das características da illa. Outra das ideas da peza é a intención de formar parte dun tríptico coas súas "irmás maiores" dentro das chamadas Illas Atlánticas, Ons e Cíes.

Mariño é pianista, oboísta e compositor. Estudou Composición no Conservatorio Superior de Música do País Vasco (Musikene). Foi compositor residente da Nova Orquestra de Euskadi e recibiu encargos de institucións, festivais e de diversos ensembles. A súa música foi estreada e interpretada por solistas e agrupacións de recoñecido prestixio no ámbito nacional e internacional.

Conversa con Paul Daniel e con Robin Holloway
Antes da celebración do concerto de abono do venres en Santiago, o público poderá manter unha charla previa co mestre Paul Daniel e co compositor Robin Holloway. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: