CENTROS CÍVICOS

Os centros cívicos celebran o Día do Libro Infantil

01/04/2019 As aulas de lectura da Rede de Centros Cívicos súmase á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil (2 de abril) cun amplo programa de actividades durante todo o mes de abril. As instalación de Vite, Fontiñas, Santa Marta, Conxo, O Castiñeiriño e A Trisca acollen obras de teatro, exposicións e obradoiros, e participan nun concurso de selfies organizado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil.

O propio día da celebración, este martes 2 de abril, o Centro Cívico da Trisca preparou unha sesión de animación á lectura dedicada a Hans Christian Andersen e a súa obra As zapatillas vermellas, entre as 18:00 e as 20:30 horas. Haberá un obradoiro creativo, dinámica de expresión corporal e un crucigrama xigante.

Entre as actividades, cómpre destacar tamén a representación do conto A boa obra, en árabe e con tradución simultánea ao galego, o mércores 3, ás 19:00 horas, no Centro Cívico José Saramago de Vite. Ao día seguinte, no Centro Cívico do Castiñeiriño, de 18:00 a 19:30 horas, os/as participantes poderán participar na elaboración dun conto e dun collage en torno á mencionada obra de Andersen.

E o sábado 6 de abril, ás 12:00 horas, inaugurarase no Centro Cívico de Conxo O lectaurante, cun menú de tapas especiais. Todo un convite a degustar a lectura nunha biblioteca ambientada coma un restaurante.

Ademais, durante este mes de abril, o Centro Cívico de Santa Marta acolle unha exposición de contos. Tamén o Centro Cívico de Fontiñas acolle actividades nun mes no que todos os centros participan activamente no concurso Selfie LIJ. Neste certame, os/as participantes deben recrear nunha fotografía unha ilustración dun personaxe ou dunha escena da literatura infantil e xuvenil.

Compartir: