XUNTA DE GOBERNO

Case 175.000 euros para obras de mellora do firme nas parroquias do norte

29/03/2019 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato das obras de mellora do firme nas parroquias de Verdía, Grixoa, A Peregrina, Sabugueira e Barciela, ás que se van destinar case 175.000 euros. Dos traballos encargarase a empresa Alcomte Galicia.

Os viarios nos que se vai actuar presentan un grado de deterioro elevado, e soportan un tráfico intenso porque son nalgúns casos as principais vías de acceso a núcleos de poboación. As obras adxudicadas hoxe suporán a mellora do firme en case cinco quilómetros da rede viaria, e teñen un prazo de execución de dous meses.

Hortas urbanas
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordaron os prazos para as solicitudes de concesión de uso de varias hortas urbanas. No caso das hortas de Santa Marta-Conxo-Volta do Castro, onde as solicitudes son de primeira concesión, o prazo de inscrición será do 15 ao 30 de abril. Para a solicitude de renovación de uso das hortas de Belvís de Arriba, A Almáciga, Caramoniña e Brañas de Sar, o prazo é do 1 ao 12 de abril. As inscricións poden realizarse no Rexistro Xeral do Concello ou no Centro Cívico do Ensanche.

IVE no transporte colectivo
Outro dos asuntos abordados pola Xunta de Goberno foi a resolución do Tribunal Económico Administrativo Rexional de Galicia que anula as liquidacións practicadas pola Axencia Tributaria das cotas do IVE das subvencións que a UTE Tralusa, concesionaria do servizo de transporte colectivo urbano, recibe do Concello de Santiago. O alcalde, Martiño Noriega, mostrou a súa satisfacción por esta decisión, que dá a razón aos servizos xurídicos do Concello nunha reclamación referida ao período 2011-2016.

Outros acordos
Hoxe tamén recibiron luz verde as bases da convocatoria para a concesión de axudas individuais para o uso do taxi por parte de persoas con dificultades de mobilidade ou con limitacións para o uso do transporte colectivo. A concellería de Políticas Sociais destina un total de 15.000 euros aos chamados bonotaxis.

Tamén a proposta da Concelleaía de Políticas Sociais, a Xunta de Goberno acordou solicitar á Xunta unha subvención de 1,5 millóns de euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios, aos que se destina un orzamento municipal de 1,4 millóns de euros. De igual forma, na reunión desta mañá aprobouse a solicitude doutra subvención de case 400.000 euros para o financiamento das Escolas Infantís Municipais. Esa cifra supón o 50% do custo total do servizo, e a outra metade é achegada polo Concello.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: