MOBILIDADE

O número de usuarios/as do transporte urbano medrou un 6% en 2018

28/03/2019 Case sete millóns e medio de persoas utilizaron o transporte urbano de Santiago en 2018, 420.000 máis que un ano antes. A liña 6 (San Marcos-Os Tilos), a C11 (Circular de Fontiñas), e a liña 1 (Cemiterio de Boisaca-Hospital Clínico), consolídanse como as máis utilizadas pola cidadanía, superando amplamente o millón de viaxeiros e viaxeiras.

A sociedade municipal Tussa presentou hoxe o balance do servizo de transporte público relativo a 2018. O ano pasado, os autobuses urbanos sumaron 7.447.300 viaxes, fronte aos 7.027.665 de 2017. Trátase dun incremento do 5,97%, a maior porcentaxe de subida dos últimos anos. Ademais, o aumento de persoas usuarias prodúcese practicamente en todas as liñas.

Liñas máis utilizadas
A liña máis utilizada volve ser a 6, que comunica San Marcos cos Tilos. O ano pasado sumou 1.203.296 viaxeiros e viaxeiras, un 16,6% do total e case 51.000 máis que en 2017. Séguelle a liña C11 (Circular de Fontiñas), que gañou 73.930 usuarios e usuarias ata chegar aos 1.182.844, número que equivale ao 15,88% do total. A liña 1 (Cemiterio de Boisaca-Hospital Clínico) xuntou ao 15,29% do total de pasaxeiros e pasaxeiras con 1.138.340, 55.898 máis que en 2017. A liña 5 (Vite-estación de autobuses-Conxo-A Rocha) achegouse ao millón de usuarios tras sumar 46.512 con respecto a 2017.

Todas as liñas gañaron usuarios e usuarias salvo tres: a P6 do Polígono do Tambre, que perdeu 635; a P4 da Sionlla, con 367 menos; e a P8 de Reborido, con 249 viaxeiros e viaxeiras menos.

Tipo de viaxes
A maioría dos viaxeiros e viaxeiras do transporte público, un 33,94%, utilizaron o bono ordinario para os seus desprazamentos, o que equivale a 2.527.738 viaxes. Mentres, o bono de pensionista, bonificado, foi utilizado en 2.385.513 ocasións, o 32,03%.

O billete ordinario foi utilizado por 1.350.278 persoas, mentres que o trasnsbordo ordinario incrementouse ata os 87.814 usuarios e usuarias.

Compartir: