CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece un concerto este sábado no Auditorio do centro

28/03/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ofrece este sábado, 30 de marzo, un concerto do seu alumnado do Curso de Especialización Instrumental que toca o violín, a viola, o violoncello, o contrabaixo, a frauta, o óboe, o clarinete, o fagot, a trompa, a trompeta, o trombón e a percusión. A cita será no auditorio do propio centro, ás 21:00 horas, e as entradas serán gratuítas ata completar o aforo.

A actuación terá unha duración aproximada dunha hora. A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia. E contarase tamén coa participación de alumnos/as convidados/as dos conservatorios de Galicia.

Sinfonía "O reloxo", de Haydn e selección da obra Rosamunda, de Schubert
Os novos músicos e músicas comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 101 "O reloxo", do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos máximos representantes do período clásico e coñecido como "o pai da sinfonía" pola súa aportación ao xénero. Esta é a novena das doce Sinfonías de Londres e é denominada popularmente coma "O reloxo" polo ritmo de tic-tac do segundo movemento.

A continuación, os/as asistentes terán a oportunidade de escoitar unha selección da obra Rosamunda, do tamén austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. É unha das últimas obras do compositor. Trátase da música escénica para unha produción dramática que só se representou durante dous días; o fracaso do público levou a que se suspenderan as demais funcións. A partitura estivo desaparecida e atopouse de novo en 1861.

Compartir: