ACCIÓN CULTURAL

Brais Rodríguez presenta "Verticais" na Zona "C"

27/03/2019 Como gañador do accésit do Décimo Premio Auditorio de Galicia para novos artistas, dende o Departamento de Acción Cultural convidouse a Brais Rodríguez a idear unha instalación específica para a Zona "C". Co nome de Verticais, Brais abre esta instalación este xoves 28 de marzo, ás 19:30 horas, na Zona C (Bonaval, 1). A intervención poderá visitarse ata o 26 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas (luns permanecerá pechada). Estará acompañado da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Trátase dunha organización "milimétrica" que sitúa a man do artista nas paredes da Zona "C" nun traballo de lapis sobre papel que pode ser percibido polo espectador/a a modo de trampantoxo, case como un traballo de impresión mecanizado que recorre o lenzo branco.

Verticais é un conxunto modular de debuxos ordenado de modo secuencial. A organización dos módulos acepta outras disposicións. Cada módulo é múltiple e alterable. Cada módulo ten un tamaño de 450 milímetros de alto e de 320 milímetros de ancho e unha gramaxe de 350 gramos por metro cadrado. A superficie soporta lapis e tinta chinesa. Dentro do marco limitado por 20 milímetros en cada lado trázanse liñas en orientación vertical. A forma das liñas verticais varía en cada módulo o seu grosor e a súa ondulación. O grosor da mancha e da súa separación pode alternar entre os 20 milímetros e os 0,5 milímetros. O radio da curva de ondulación oscila entre 0 milímetros e 85 milímetros. Os módulos están dispostos sobre unha parede vertical. Están ordenados ortogonalmente en 5 filas de 33 columnas e mantéñense separados por 10 milímetros en cada dirección.

Brais Rodríguez (Brión, A Coruña, 1980) é licenciado en Belas Artes pola especialidade de pintura. Nos últimos anos autoeditou os seus traballos de cómic en fanzines como Sombra, La chica con el sol en su cabeza ou Onde estás? na editorial Carne Líquida, desenvolvendo as posibilidades formais do debuxo, a collage ou a abstracción neste medio.

Participou en mostras como A arte no cómic, SQUEEZE-OH!: Cómic Contemporáneo Gallego, 20 años de cómic Injuve, Salón Internacional de Historieta de Bos Aires, Salón Internacional de Cómic de La Paz e festivais de autoedición como Graf, Gutter ou Elcaf. No ámbito da pintura e do cómic, as súas obras recibiron axudas de Novos Valores, Premio Castelao de Banda Deseñada, Injuve, Valenciacrea, Premio de Artes Plásticas Auditorio de Galicia ou Fadip.

Compartir: