CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o concerto "Mini Mozart" para os máis pequenos

27/03/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a nenos e nenas de ata dez anos, o xoves 28 e o venres 29, ás 11:00 horas, no Auditorio de Galicia. E o sábado, ás 18:30 horas, repetirase a actuación para o público infantil e familiar dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos.

O concerto do sábado visibilizará o traballo de Proxecto Home Galicia, un programa educativo-terapéutico centrado na rehabilitación de persoas drogodependentes e na axuda ás súas familias. Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

"Mini Mozart" é o primeiro encargo que lle fai a RFG ao Serviço Educativo da Casa da Música do Porto. É unha aventura dos nosos días cos ollos e oídos doutros tempos, onde as personaxes saen da música e vívena cun entusiasmo contaxioso. Orquestra, mestre e público son os elementos perfectos para un gran concerto.

Créase un ambiente propicio para gozar da música de Mozart, con interacción entre os personaxes e o público, así como entre os personaxes e a orquestra. Os máis pequenos e as súas familias terán a oportunidade de desfrutar de pezas tan coñecidas do xenial compositor como As vodas de Fígaro, considerada como unha das súas mellores creacións e unha das óperas máis importantes da historia da música. Tamén soarán fragmentos de obras como Unha pequena serenata nocturna, a Sinfonía nº 40, a Sinfonía nº 38 "Praga", a Sonata para piano nº 11 coñecida como "Marcha turca", e dúas arias de Don Giovanni.

A batuta do novel mestre polaco Jan Wierzba
Nestes tres concertos levará a batuta o novel mestre polaco Jan Wierzba, que xa dirixiu a orquestra nos concertos celebrados en varios barrios composteláns o pasado mes de setembro. Natural de Polonia e educado en Porto, na actualidade destaca como un dos directores máis prometedores en Portugal.

Compartir: