ACCIÓN CULTURAL

Os Monicreques de Kukas celebran o seu 40 aniversario coa estrea de "Arlequina" no Principal

26/03/2019 Os Monicreques de Kukas celebran o seu 40 aniversario como compañía e fano estreando Arlequina no Teatro Principal. Será este xoves 28 de marzo, ás 20:30 horas, e repetirán función para público familiar o venres 29 e o sábado 30, neste caso ás 18:30 horas. Así o presentaron esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e Isabel Rei e Marcelino de Santiago, Kukas, da compañía.

Arlequina é un espectáculo de gran formato dirixido a todos os públicos que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de monicreques e a maxia coa música en directo nun espazo escénico polivalente e suxestivo no que todos os elementos forman parte da divertida, misteriosa e trepidante aventura que supón a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta chamada Arlequina, á procura da súa identidade, contando para iso coa axuda de Marchelino, un vello e estrafalario artista e titiriteiro.

Con este espectáculo créanse sinerxías de colaboración e creación con e entre diferentes artistas que nos últimos anos teñen traballado nos nosos espectáculos e que ao mesmo tempo manteñen liñas de traballo propias como Zoar Ensemble, Teatro de Marionetas Trécola, Títeres Alakrán, Jorge Casas Caneiro, Miguel Cabaleiro e Larraitz Urruzola, para coa súa aportación propia e baixo a dirección escénica e artística de Isabel Rei e Marcelino de Santiago, crear un espectáculo cunha posta en escena moi coidada tanto dende o punto de vista dos recursos plásticos como dos musicais, sonoros, luminosos, técnicos e escénicos co que celebrar e festexar o 40 aniversario da compañía.

Entradas
As entradas teñen un prezo de 4 euros (o bono familiar de 12 euros inclúe catro entradas) e poden mercarse en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18 a 21 h ou 1h e media antes do evento).

Recomendada para maiores de 4 anos e cunha duración de 60 minutos, esta representación enmárcase no apartado EscenaGZ da programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura programada dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic.

Compartir: