ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal volve ser un dos escenarios da Mostra Internacional do Cinema Etnográfico (MICE)

21/03/2019 A Mostra Internacional do Cinema Etnográfico, MICE, celebrara a súa 14ª edición do 25 ao 31 de marzo. O Concello de Santiago colabora un ano máis no programa, que organiza o Museo do Pobo Galego e que conta tamén co apoio da Deputación da Coruña e de AGADIC.

Na súa intervención, Branca Novoneyra mostrou a satisfacción do Concello por "poder colaborar un ano máis cunha iniciativa que volve encher de cine o Teatro Principal, que contribúe a facer de Santiago unha cidade de cine, e que axuda a facer do público de Compostela un público cinéfilo como poucos". A concelleira de Acción Cultural tamén salientou a calidade do programa, que "ten dado un salto cualitativo nos últimos anos, e que nesta edición chega con películas de dez nacionalidades distintas, e cun programa que fai unha clara aposta por poñer en valor o papel da muller no cinema, e por achegarse ao público familiar".

A 14ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico comezará o luns 25, cunha sesión especial que xirará arredor do cinema doméstico. Na inauguración, no Teatro Principal, proxectaranse extractos do arquivo fílmico do vigués Manoel da Costa, dono das gravacións domésticas de super-8 sobre as cales a directora Xisela Franco realizou as pezas promocionais desta edición da MICE. Ambos os dous estarán presentes na sesión xunto a Pablo Goméz, de La Cinematográfica, organización que dixitalizou o fondo documental de da Costa e responsable do Arquivo Galego de Cine Doméstico. Esta proxección abrirá unha programación que achegará ao público algunhas das producións etnográficas máis destacadas do cinema recente.

Filmes de dez nacionalidades
A Sección Oficial recolle dezaseis filmes a concurso de dez nacionalidades diferentes realizados nos últimos dous anos. Esta selección ofrece un panorama completo e enriquecedor de traballos audiovisuais feitos no campo da etnografía e a antropoloxía visual. Algunhas destas películas chegan á MICE despois de ter pasado por festivais de renome: é o caso de Los que desean, de Elena López Riera (premiada no Festival de Locarno); de Boca de Fogo, do director brasileiro Luciano Pérez Fernández (que pasou por Visions du Réel) ou da película Familienleben, de Rosa Hannah Ziegler (proxectada na Berlinale en 2018). Cinco dos dezaseis filmes veranse por primeira vez en España e sete terán na 14ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico a súa estrea galega.

Ademais, a vontade da MICE de recoller o dinamismo da cultura galega vese na relevancia no programa do cinema de Galicia, que no caso concreto da Sección Oficial inclúe catro filmes que optan ao Premio á Mellor Película Galega da Mostra: Entroido en Face de Hóspedes, onde David Castro nos achega á celebración do entroido na Raia para rexistrar os diferentes tempos e preparativos desta festa; Noelia Mª Muíño lévanos en Hora silenciosa ao interior do Convento de San Paio de Antealtares, onde as monxas beneditinas fan a súa rutina diaria; as traballadoras da fábrica de tecidos da comarca de Vilasantar son as protagonistas de Tecido resistente, de Marina Chiavegatto; e, por último, Stockroom trasládanos a parte de Londres que ninguén ve, un rexistro persoal de Sol Mussa que nos mostra o día a día do traballo nun almacén.

O xurado estará formado por Beli Martínez (docente e produtora); Pepe Calvo (antropólogo e director do Museo Etnográfico de Castela e León); Joan Roura (antropólogo e membro de AGANTRO), Ana Catarina Pereira (investigadora e docente na Universidade da Beira Interior) e José María Folgar (profesor de historia do cine na USC). Este xurado outorgará entre os filmes a concurso o Premio á Mellor Película Etnográfica, dotado con 900 euros e trofeo; e tamén escollerá a Mellor Película Galega, premio dotado con 700 euros e trofeo. Por outra parte, as persoas asistentes ás proxeccións seleccionarán mediante as súas votacións o Premio do Público, recoñecido con diploma e trofeo. Nesta edición, a Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural crea ademais o premio AGANTRO á profundidade antropolóxica, dotado de diploma e trofeo.

Actividades paralelas
A programación da MICE complétase cunha serie de actividades á marxe das proxeccións. Deste xeito, o domingo 31, ás 12:30 h, terá lugar a conversa sobre arquivos sonoros e audiovisuais "De Lomax a Youtube. Prácticas musicais comunitarias e arquivos dixitais abertos" no Centro Sociocultural de Conxo, moderada polo investigador e músico Cibrán Tenreiro. No coloquio participarán Tiago Pereira (do proxecto A Música Portuguesa a Gostar dela Própria), Mar Catarina Serantes (de parte do Arquivo PRENOM), Concha Losada (do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) e de María Jesús López Elvira (do Departamento de Documentación da CRTVG). Nesta mesa presentaranse e proxectaranse pezas que se custodian nestes arquivos, ademais de falar sobre a preservación, accesibilidade e uso dos contidos dixitais sonoros e audiovisuais propios e alleos.

O debate sobre os arquivos dixitais non será a única conversa desta MICE. A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema organiza o sábado 30, ás 12:30 h, na Cantina do CGAC, un café de debate titulado "Proxecta Constrúe. A cuestión de xénero nos festivais de cinema". Na conversa tratarase de facer unha análise da situación e revisión das áreas de maior responsabilidade e liderado dos festivais así como facer propostas prácticas e estratéxicas para abordar as cuestións de xénero no sector. Participarán Ana Domínguez (do S8 Mostra de Cinema Periférico), Andrea Villa (de Curtocircuíto), Keka Losada (do Festival de Cans), Ana Dixital (do Carballo Interplay) e Beli Martínez conducida e coordinada por Sabela Mendoza.

A 14ª MICE tampouco descoida a súa parte didáctica, que inclúe dous obradoiros. O primeiro é o titulado "Tránsito á captura", impartido pola cineasta venezolana Adriana Vila Guevara e o etnomusicólogo galego Miguel Alonso Cambrón. A partir dunha serie de exercicios de observación e escoita, esta actividade pretende explorar, cuestionar e descifrar os procesos de traballo entre a investigación etnográfica e a creación cinematográfica. O público infantil terá, pola súa parte, a oportunidade de participar no taller "Facemos cinema sen cámara" impartido por Alberto Vázquez e Carina Moreira (do Proxecto Educativo Espacio Rojo). A actividade, que se celebrará polas mañás nos días 29 e 30 de marzo no Museo do Pobo Galego, está pensada para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos e para familias. As participantes aprenderán a facer cine aplicando técnicas das artes plásticas sobre o celuloide para despois poder ver a súas películas en pantalla grande. O custe por materiais da actividade é de 4 euros por persoa participante (sendo de balde para persoas desempregadas e socias do Museo) e para asistir a ela será necesaria a inscrición previa en servizosdeac@museodopobo.gal.

Ademais, a MICE volve a colaborar nesta edición co Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe dentro da sección Galicia en Espiello, coa proxección especial de O club dos sen teito (2008), da directora Claudia Brenlla. Este documental achégannos ao movemento dos sen teito de Salvador de Bahía. A proxección será o domingo 31, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Impropias e Trazas
As docentes e investigadoras do grupo de Estudos Audiovisuais da USC, Margarita Ledo Andión e Marta Pérez Pereiro, programaron unha Carta Branca para a sección Impropias que, baixo o título "Muller nas estremas", se centra na temática das fronteiras físicas, simbólicas e culturais vistas dende a perspectiva de xénero. A primeira sesión desta parte da programación acollerá a estrea en Galicia de Performing the border, de Ursula Bienmann. Será o martes 26 de marzo, ás 20:30 h, no Teatro Principal, e estará presentada pola profesora e crítica Elena Oroz.

Impropias complétase coa proxección o mércores 27, ás 20:00 h, en Numax, de Surname Viet Given Name Nam, da cineasta vietnamita Trinh T. Minh-Ha. Este documental traballa coas fronteiras culturais desenvolvendo preguntas sobre a identidade e a memoria cultural a través das vidas e das historias de mulleres de Vietnam e Estados Unidos. A última sesión estará formada por Europlex, de Ursula Biemann e Angela Sanders; Tout le monde aime le bord de la mer, da cineasta galega Keira Espiñeira, e Hyohakusha (camiñante sen rumbo), de Xisela Franco e Anxela Caramés. Como complemento formativo a esta sección, o grupo de Estudos Audiovisuais organiza o 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o Seminario CO(M)XÉNERO, que contará coa presenza das docentes Elena Oroz e Ana Catarina Pereira (membro do xurado da MICE).

A outra sección paralela da MICE é tamén unha colaboración. O Cineclube de Compostela programou a sección Trazas centrándose na relación entre a música e a etnografía. O mesmo día da inauguración, o luns 25 de marzo, proxectarase ás 22:00 h, no Teatro Principal, a primeira sesión, composta por tres pezas da década dos sesenta que rexistran tradicións en vías de desaparición ou de cambio: Afro-American Work Songs in a Texas Prison, de Toshi Seeger; The End of an Old Song, do musicólogo John Cohen, e Y tenemos sabor, de Sara Gómez.

O segundo bloque recolle transformacións que viñeron nas prácticas da música coa chegada da modernidade, a influencia da industria musical ou os cambios nas tecnoloxías de escoita, e está composta por The Wigan Casino, de Tony Palmer; Heavy Metal Parking Lot, de Jeff Krulik e John Heyn; I sing the Desert Electric, de Christopher Kirkley; Petites Planète Peret, de Vincent Moon, e Rexistro<7>telephones rouges nun cuarto, de Rubén Domínguez. Será o mércores 27, ás 22:30 h, no Teatro Principal.

Por último, o xoves 28 de marzo, ás 20:00 h, estrease en Galicia no Numax Alentejo Alentejo, do director Sérgio Trefaut, un documental que reflicte a situación do cante coral alentexano coas súas tensións entre a tradición e o mundo actual.

Entradas
A entrada é de balde para todas as proxeccións, recolléndoa con antelación nas billeteiras do Teatro Principal e de Numax. Estarán dispoñibles para retirar a partir desde sábado 23 de marzo. As sesións no Museo das Peregrinacións e no Museo do Pobo Galego son de acceso libre ata cubrir aforo.

Documentos relacionados



Compartir: