PLENO

O Pleno da Corporación mostra o seu apoio á veciñanza da Grixoa ante a problemática da canteira de Miramontes

21/03/2019 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, na sesión ordinaria de marzo, unha declaración institucional de apoio á veciñanza da parroquia da Grixoa, ante a problemática xerada na canteira de Miramontes. O acordo responde a unha petición formulada pola Plataforma de Afectados polo Vertedoiro e pola Federación de Asociacións do Rural de Santiago, FERUSA.

Na declaración aprobada por unanimidade, os catro grupos da Corporación mostran o seu compromiso firme coa veciñanza da Grixoa, e comprométense a adoptar as accións necesarias para protexer a saúde das persoas, o medio ambiente e o dereito dos veciños e veciñas a unhas condicións de vida axeitadas.

Modificativos de crédito
No Pleno de hoxe tamén se aprobaron dúas modificacións do orzamento prorrogado, unha por algo máis de 123.000 euros e a outra por 87.000. A concelleira de Economía e Facenda explicou que o orzamento irá para o pago de xuros de diversas sentenzas xudiciais (75.000 euros), para cubrir un déficit no orzamento prorrogado para as obras de Castrón Douro (87.000 euros) e para financiar parte do contrato de redacción do proxecto de reurbanización do viario de Clara Campoamor (48.000 euros). O crédito "sae de baixas nun contrato do Departamento de Informática e máis dos aforros en xuros bancarios por ter reducido a débeda do Concello".

Persoal de Urbanismo
Outro das proposicións aprobadas na sesión desta tarde, por unanimidade, foi a realizada polo BNG para reclamar a cobertura inmediata da baixa da praza da arquitecta encargada das licenzas de apertura e primeira ocupación. A concelleira de Persoal explicou que "con data de hoxe foi fiscalizada favorablemente a cobertura desa praza, nun procedemento que se viu atrasado pola falta de crédito derivada da prórroga duns orzamentos con dous millóns de euros menos dos previstos para 2019 para gastos de persoal". María Rozas adiantou tamén que a 1 de abril incorporarase un novo arquitecto ao departamento de Urbanismo.

Finca do Espiño
No Pleno de hoxe foi desbotada a proposta do Goberno para a modificación do PXOM no ámbito da Finca do Espiño, que reducía de 10.500 a 2.000 metros cadrados a edificabilidade, permitindo a construción da vivenda pero co condicionante de que un mínimo do 30% fora para vivendas sometidas a algún tipo de protección.

A proposta defendida polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, non saíu adiante porque requiría maioría absoluta e PP, PSOE e BNG coincidiron no seu posicionamento de absterse na votación.

Videovixilancia
Cos votos en contra de Compostela Aberta e o BNG, e co voto de calidade do alcalde, quedou rexeitada a moción do PP para a instalación de máis cámaras de videovixilancia na cidade. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "este asunto debe ser debatido no marco da Xunta Local de Seguridade, e os responsables dos Corpos e Forza de Seguridade que participan neste órgano son os que deben valorar se é preciso reforzar ou non o sistema".

O edil explicou que "o 2018 foi o ano con menos pintadas na zona histórica dende 2004, cun total de 309 fronte ás 881 de 2007 ou as 762 de 2014". Xan Duro tamén avanzou no Pleno de hoxe que "o venres 29 de marzo farase unha primeira proba de funcionamento do sistema de gravación das cámaras xa existentes, e posteriormente a Xunta de Goberno aprobará a alta do tratamento de videovixilancia como esixe a Lei". O concelleiro apuntou que "tal e como establece a normativa, o acceso ás gravacións estará acoutado a investigacións ou ordes xudiciais, e haberá un rexistro automático do acceso e das consultas das imaxes".

Compartir: