EMPREGO E MEDIO RURAL

O obradoiro CREAS remata a plantación de máis de 4.000 árbores autóctonas en Fecha e Monte Viso

21/03/2019 O obradoiro de emprego dual CREAS, promovido polo Concello de Santiago en colaboración co de Ames, concluíu a plantación de 4.200 árbores de especies autóctonas na finca de Pedra Castro, na parroquia de Santa Cristina de Fecha. Tamén se comezou a reforestación nunha parcela municipal no Monte Viso. Repoboouse con 700 pés de bidueiro (Bétula celtibérica), 2.100 de carballo (Quercus robur) e 1.400 de corticeira (Quercus suber). A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e o edil de Medio Ambiente, Xan Duro, quixéronse unir tamén á plantación con motivo da celebración do Día Mundial da Árbore.

O proxecto do Parque Forestal de Pedra Castro pretende recuperar para as futuras xeracións un espazo de gran valor, repoboando a masa forestal, e permitindo a protección e restauración do medio natural en harmonía coa contorna. Ademais de conservar ecosistemas, protexer a fauna e a flora, regular o réxime hídrico e protexer e conservar o solo, o Parque Forestal de Pedra Castro será tamén un espazo para o lecer. Para isto, abríronse accesos peonís, que ademais de facilitar os futuros traballos de mantemento, permitirán que este espazo sexa accesible e que se poida visitar facendo percorridos polo seu interior dun xeito doado para o público en xeral.

No caso do Monte Viso, o proxecto expón a recuperación da cuberta arbórea e aumento da diversidade vexetal mediante a repoboación do monte. Realízase para acelerar a evolución natural da vexetación e fomentar a biodiversidade, a través da recuperación da cuberta arbórea. Coa repoboación tamén se pretende reducir a tensión hídrica. En definitiva, a iniciativa intégrase no concepto ecolóxico de restauración da vexetación.

No obradoiro, unha vintena de alumnos e alumnas reciben formación na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O obradoiro ten unha duración de nove meses, ata o próximo mes de agosto.

Plantación e outros labores
Previamente a esta plantación, ademais de abrir os accesos, o alumnado realizou labores de despexe e limpeza, poda e corte de matogueiras e árbores de pequeno porte en áreas pequenas localizadas no Parque.

Podáronse ramas baixas dás árbores, con aclareo de matogueira, o que permitirá que medren mellor as novas plantas. Tamén se erradicaron especies invasoras, retirando con especial coidado os restos vexetais que xeraron, como raíces ou follas, co fin de evitar que se volvan reproducir. Para o mantemento da franxa perimetral e limpeza do monte, eliminouse vexetación arbustiva, tanto de xeito manual, como con rozadoras, nos casos nos que o terreo o permitía.

Con estas actuacións, o que se pretende é que se poida recuperar a masa forestal e o medio natural, que será un patrimonio que poidan gozar as actuais e futuras xeracións. En definitiva, ponse en valor un espazo de grande interese, tanto para a veciñanza da contorna como para outra xente que poda visitar a zona; invístese no medio rural e cóidase o patrimonio natural e cultural, para que se manteña no tempo.

O obradoiro de emprego dual CREAS é un programa no que colaboran os concellos de Santiago e Ames. O programa conta cun orzamento de case 360.000 euros, dos que preto de 290.000 proceden dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A achega do Concello de Santiago é de 60.000 euros, mentres que o Concello de Ames financia algo menos de 10.000 euros.

Plantación no Ramón Cabanillas
Mañá venres, ás 12:30 horas, o Concello continuará celebrando o Día Mundial da Árbore coa plantación de 190 árbores frondosas autóctonas por parte dos e das escolares do CEIP Ramón Cabanillas. A plantación será nunha parcela de titularidade municipal en Pontepedriña, situada ao carón do centro educativo. Previamente á plantación, realizouse unha restauración paisaxística da devandita parcela, de grande valor ecolóxico ao localizarse a escasos metros do espazo natural das Brañas de Sar.

As especies seleccionadas para plantar son érbedos, bidueiros, sangomiños, abeleiras, espiños, freixos, acivros, loureiros, cerdeiras, pereiras, rebolos, carballos e capudres.

Compartir: