ALCALDÍA

O Concello valora a denuncia da Fiscalía contra a planta de Miramontes

20/03/2019 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, mantiveron este mediodía unha xuntanza coa Plataforma de Miramontes, dentro dos contactos reiterados que está a haber para buscar unha solución ante a situación creada na canteira da Grixoa. Na reunión valorouse positivamente a decisión de Fiscalía de querelarse contra o vertedoiro.

O alcalde expresou a satisfacción do Goberno pola decisión da Fiscalía, que "se deriva dun traballo combativo e rigoroso da Plataforma de Miramontes que temos que agradecer". Martiño Noriega lembrou que "o Concello xa se tiña personado na denuncia presentada pola Plataforma, porque estamos convencidos de que está habendo incumprimentos da normativa ambiental que poden ter consecuencias graves, tamén para as persoas, e cremos que isto hai que contextualizalo no colapso que sofren as instalacións de tratamento do lixo de Sogama".

Na mesma liña, o voceiro da Plataforma de Miramontes asegurou que o colectivo "séntese reconfortado porque a decisión de Fiscalía mostra que o intenso traballo que vimos realizando serviu dalgo". David Martínez explicou que "seguiremos mantendo xuntanzas coas administracións implicadas, porque sabemos que o procedemento xudicial pode demorarse no tempo e precisamos que se adopten medidas para garantir a saúde das persoas e do medio ambiente, a Xunta debe actuar xa".

Requirimentos sen resposta
O rexedor explicou que "a Administración local acompañará á Plataforma no procedemento xudicial", e seguirá traballando no ámbito das súas competencias para responder ás demandas da veciñanza da Grixoa. Nese sentido, lamentou que "o Concello non puido pechar os expedientes que ten abertos en relación á canteira, porque a Xunta de Galicia non respondeu aos catro requirimentos de información que se teñen realizado desde o mes de novembro en relación a Miramontes".

O Concello ten iniciado o procedemento de ineficacia da comunicación previa de inicio de actividade na planta de tecnosolos, baseado en que a actividade é desenvolvida por unha empresa diferente á que tiña tramitada a comunicación previa de inicio de actividade. Tamén se iniciara o procedemento para revogar a licenza de obras e de actividade da canteira.

Compartir: