ESPAZOS CIDADÁNS

O Goberno propón modificar o PXOM para rebaixar a edificabilidade da Finca do Espiño a 2.000 metros cadrados

20/03/2019 O Goberno levará ao Pleno ordinario do próximo xoves, de cara á súa aprobación inicial, a proposta para a modificación puntual do PXOM e do Plan Especial na Finca do Espiño. O documento propón rebaixar a superficie edificable do ámbito a 2.000 metros cadrados, fronte aos 10.500 previstos na actualidade. Esa edificabilidade estaría permitida nun único volume, e dándolle continuidade ao tecido construído da rúa do Carme de Abaixo.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe a modificación puntual do PXOM, que será debatida no Pleno e que precisa ser aprobada por maioría absoluta. Jorge Duarte explicou que o documento "vai aínda un paso máis alá no obxectivo de preservar a calidade paisaxística da Finca do Espiño, con respecto ao que fora remitido á Xunta para a avaliación ambiental". Nesa liña, explicou que a proposta "prevé a construción dun único volume novo e non dous como se contemplaba no anterior borrador". Para iso, contémplase que as ruínas dunha edificación situadas ao carón do ámbito edificable pasen a formar parte do conxunto público da Finca do Espiño e poidan ser reconvertidas nun pequeno equipamento para o parque.

Menos edificabilidade, máis usos
Jorge Duarte explicou que a modificación do PXOM "ten como obxectivo prioritario preservar a calidade paisaxística da Finca do Espiño, atendendo ao seu singular emprazamento e ao seu especial valor simbólico e social". O concelleiro lembrou que a actual ordenación do ámbito privado da Finca do Espiño "está obsoleta, contempla uns aproveitamentos excesivos sen ter en conta a calidade ambiental do espazo". Agora, a modificación urbanística "faise procurando unha alternativa que integre o novo volume edificado co tecido construído da rúa do Carme de Abaixo, que se apoie no viario existente, e que mesmo integre na ordenación a zona arborada da confluencia das rúas Carme de Abaixo e Monte Pío, que no plan vixente non se respecta".

Para iso, a edificabilidade máxima permitida na parte privada da Finca do Espiño será de 2.000 metros cadrados, e aos usos lucrativos xa permitidos (asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario) engádese o residencial. Se finalmente o uso é o de vivenda, obrigarase a reservar unha porcentaxe para vivenda protexida. A edificación permitirase "en baixo e unha planta, máis outra planta de coroación na que admitirán solucións singulares que permitan a mellor transición entre o volume edificado e o parque".

Aumento do espazo público
Outra das novidades da modificación que debaterá o Pleno é que se contempla que os espazos da parte privada da Finca do Espiño na que finalmente non estará permitida a edificabilidade pasen a incorporarse ao parque público, así como os terreos que estaban destinados inicialmente a un parque privado. No documento prevese a súa expropiación, que se estima que podería ter un custo de 560.000 euros.

Ao respecto, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lembrou que a inmobiliaria propietaria dos terreos, Layetana, xa tivo que abonarlle ao Concello 2,3 millóns de euros en base a unha sentenza xudicial que fixou nesa cifra a achega que debía facer a empresa para acondicionar o parque público e para a rehabilitación do palacete modernista da Finca do Espiño, polo que se mostrou convencido de que "para o Concello é asumible o custo desa expropiación para ampliar o espazo público do parque e garantir que se preserva a calidade ambiental do espazo".

De producirse a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM no Pleno do xoves, quedarían suspendidas polo prazo de dous anos as licenzas de parcelamento, edificación e demolición neste ámbito.

Compartir: