DEPORTE

Arredor de 250 atletas participarán este sábado na XVII edición do Duatlón Cidade de Santiago

20/03/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou hoxe os detalles do XVII Duatlón Cidade de Santiago e do XX Duatlón Escolar. Na rolda estivo acompañada por Ramón López, membro do Club Triatlón Santiago Arcade Inforhouse, organizador da proba, e por Pablo Cabanelas, da Federación Galega de Triatlón.

A proba será clasificatoria para o Campionato Galego de Duatlón e participarán arredor de 250 atletas de distintos clubs de Galicia. A deste sábado é unha das probas con máis prestixio do circuíto "pola súa dureza no ciclismo, e por iso adoita congregar numeroso público e tamén moitos duatletas participantes", segundo indicou Noa Morales.

A proba comeza ás 15:30 horas e transcorre polas inmediacións do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro. A esa hora comezará o Duatlón Popular, no que as persoas participantes terán que percorrer unha distancia de 2,5 km a pé, 13 km en bicicleta e 1,25 km a pé. A saída, boxes e meta estarán situados nas inmediacións do estadio e a carreira de ciclismo discorrerá pola estrada que vai dende o estadio á base da subida ao Monte do Gozo.

O Duatlón Absoluto comezará coa proba sen corte ás 16:15 horas e dará paso aos clasificatorios ás 17:45 (masculina) e ás 17:55 (feminina). Neste caso a distancia que teñen que percorrer son 5 km a pé, 20 en bicicleta e outros 2.500 metros a pé. A saída, boxes e meta estarán situados nas inmediacións do estadio e a carreira de ciclismo discorrerá pola estrada cara ao Monte do Gozo.

Duatlón escolar
Pola mañá, o club organiza a edición número XX do Duatlón Escolar, que terá carácter clasificatorio provincial. Estímase que participen arredor de 300 nenos e nenas repartidos en catro categorías pertencentes a colexios e clubs da provincia.

A primeira proba que se disputará é ás 10:30 horas, coa categoría benxamín, aos que seguirán alevíns, infantís e, finalmente, cadetes. O circuíto das catro categorías escolares discorre polas inmediacións do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro. A entrega de premios será a partir das 13:30 horas.

Premios
Na proba popular Supersprint haberá trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as nas competicións absolutas e medallas para as tres primeiras persoas das categorías infantil, cadete, júnior, veterano 1, 2 e 3.

Na proba do Circuíto Galego haberá premios económicos para os ganadores da proba feminina e masculina con corte. O e a primeira clasificada levarán 150 euros e unha bolsa de produtos Nutrisport, os segundos clasificados 100 euros e unha bolsa de produtos Nutrisport e o terceiro e terceira 50 euros e unha bolsa de produtos Nutrisport. Tamén haberá premio de 200 euros para o primeiro club.

Direccións relacionadas



Compartir: