ALCALDÍA

O alumnado do CEIP das Fontiñas protagoniza unha sesión plenaria promovida por Down Compostela

20/03/2019 O alumnado de 5º de Primaria do CEIP das Fontiñas encheu esta mañá o salón de plenos do Pazo de Raxoi, nunha sesión que estivo promovida por Down Compostela. Nela abordárlonse cuestións relacionadas coa accesibilidade e a igualdade de oportunidades das persoas con Síndrome de Down ou con discapacidades.

O alcalde, Martiño Noriega, presidiu o Pleno, no que tamén participaron a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e o edil de Educación, Manuel Dios. Tamén interviron Pepa Castro, en representación do PP; Paco Reyes, polo PSOE; e Goretti Sanmartín, polo BNG.

No transcurso da sesión, o alumnado reclamou medidas para mellorar a accesibilidade da cidade e dos centros educativos para as persoas con discapacidades. Os nenos e nenas tamén fixeron as súas propostas en materia de igualdade de oportunidades e para lograr unha escola verdadeiramente inclusiva.

No transcurso do Pleno, o alcalde explicou as medidas que se veñen adoptando para favorecee a inclusión das persoas con síndrome de Down ou con diferentes discapacidades, pero recoñeceu que "ainda queda moito camiño por andar en todos os ámbitos". Martiño Noriega tamén mostrou a súa satisfacción por comprobar "a concienciación de nenos e nenas, e a súa capacidade para facer propostas para mellorar o mundo no que viven".

Compartir: