ACCIÓN CULTURAL

As entradas para o festival "Alguén que respira!" poden retirase dende mañá martes

18/03/2019 Xa está todo listo para a segunda edición do festival Alguén que respira!, organizado pola Concellaría de Acción Cultural, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo. No evento, que se celebrará no Teatro Principal do 21 ao 23 de marzo, daranse cita algunhas das voces máis poderosas da poesía contemporánea do panorama internacional. As entradas para as diferentes actividades do festival son de balde, e poderanse retirar na billeteira do propio Teatro Principal a partir de mañá martes, 19 de marzo.

Alguén que respira! será unha oportunidade única para escoitar algunhas das voces máis poderosas da poesía contemporánea internacional, con nomes como Xosé Luís Méndez Ferrín, o chileno Raúl Zurita, a brasileira Elisa Lucinda ou a catalá Sònia Moll". En total,Santiago reunirá a máis de medio cento de poetas, músicas e músicos, actrices e actores que celebrarán a poesía durante tres días. No festival poderanse ver ata oito estreas absolutas, coas sinaturas de García MC e LAR Legido, Rabuda e Nuria Vil, Margarita Ledo, Ana Romaní e Chus Silva, Mónica Caamaño e Alfredo Rodríguez.

Día Mundial da Poesía
O festival comezará o 21 de marzo, e farao no ton máis festivo: co lanzamento de bombas de palenque dende o barrio de Galeras para "anunciar que Compostela se suma á celebración do Día da Poesía e quere facer diso algo único". Despois diso, virá unha oportunidade única: a de asistir á primeira reunión ao completo do colectivo Ronseltz, que estivo en activo a mediados dos anos oitenta. Sobre o escenario do Teatro Principal xuntaranse Xabier Cordal, Manuel Cortés, Xoán Carlos Rodríguez, Serxio Iglesias e Miki Nervio, os cinco integrantes deste grupo caracterizado polo uso do humor e a ironía. Tamén na primeira xornada do Alguén que respira! celebrarase o acto central do programa, cun recital a cargo de Xosé Luís Méndez Ferrín, encargado de ler o Manifesto galego do Día da Poesía que el mesmo redactará. Tamén intervirán Pilar Pallarés e Estevo Creus, en representación de Galicia, Golgona Anghel pola lingua portuguesa, Sònia Moll pola catalá e José Luis Piquero polo castelán. O acto será pechado por "unha das figuras máis fascinantes da poesía mundial", o chileno Raúl Zurita.

Slam, bertsolaris, e "poesías sen etiquetas"
A xornada do 22 de marzo estará dedicada á oralidade, cun slam, unha sesión de bertsolaris vascos e un recital de propostas que mesturan a música e a poesía.

O slam é un torneo de poesía, no que os participantes enfróntanse a través de recitais dramatizados, con rondas na que cada participante ten uns minutos para ler os seus textos. O torneo estará conducido por Esther Carrodeguas, contará con música de Juanma LoDo, e sobre o escenario bateranse Iolanda Zúñiga, Oriana Méndez, Carmen Conde, Vanessa Glemsel, Luix Kaf, Malvares de Moscoso, Clara Gayo e Silvia Casal.

Despois do slam, no Teatro Principal teremos a oportunidade de coñecer a Jon Maia e Amets Arzallus, dous dos bertsolaris vascos máis prestixiosos. A axenda do venres completarase cun recital de "poesía sen etiquetas" que reúne a García Mc & LAR Legido, nun proceso de improvisación que mestura o hip hop co jazz experimental; Lucía Aldao, unha referencia na poesía oral galega; e Pablo X Suárez e Dudu, que se xuntan no proxecto "El Velcro".

Xa na terceira xornada do festival, está prevista a estrea do proxecto poético e musical no que colaboran a poeta Nuria Vil e a banda de rock, psicodelia e new wave Rabuda. Ademais, o programa chegará aos recunchos máis inaccesibles do Teatro Principal coa sección "Atravesei a cerca", na que participarán Gonzalo Hermo, Elena Medel, Ana Romaní e Chus Silva, Alejandro Palomas e Margarita Ledo. Todos eles protagonizarán accións individuais para grupos reducidos de vinte persoas cada un.

O festival Alguén que respira! clausúrase cun recital de grande intensidade, que reunirá no escenario a sete artistas que desenvolverán unha complexa visión sobre a poesía e, polo tanto, sobre a vida. Serán o actor Alfredo Rodríguez e a actriz Mónica Caamaño, cun traballo sobre versos de Jesús Castro, Xela Arias, Olga Novo ou Chus Pato; Afonso Tarficante, que estreará a produción Zunido, na que recitará acompañado por un vibráfono; Félix Fernández, que recuperará os textos do seu irmán Xabier Fernández no oitavo aniversario da súa morte; Silvia Penas, cun traballo sobre as cantigas de amigo encargado polo festival; o popular rapeiro Hard GZ, unha das figuras emerxentes do hip hop español e, por último, a brasileira Elisa Lucinda.

Actividades paralelas
O festival Alguén que respira! complétase cun programa matutino que se desenvolverá no ambigú do Teatro Principal. Serán sesións de conversa con "Café con Moha", sobre temas vinculados coa poesía, como a importancia do corpo nas novas linguaxes líricas, o escenario como soporte, a esencia do poema ou o reto de publicar poesía na actualidade. Na iniciativa participarán poetas como Raúl Zurita, Elena Medel, Marta Dacosta, Henrique Alvarellos, Pablo X Suárez, Sònia Moll, Mario Regueira, Wladimir Vaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Mónica Caamaño, Luís Tosar ou Elisa Lucinda. Exercerán como moderadores recoñecidos xornalistas como Daniel Salgado, María Obelleiro, Caetano Díaz, Francisco Novo e Anxo Quintela.

Documentos relacionados



Compartir: