CONSORCIO

Últimos días para solicitar as axudas destinadas a mellorar o mantemento exterior e a eficiencia enerxética dos inmobles da cidade histórica

18/03/2019 O Consorcio de Santiago ten en marcha dúas convocatorias de axudas destinadas á mellora dos edificios da cidade histórica de Santiago. Trátase, por un lado, do programa Ter é manter, co que se busca o mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos inmobles. E, por outro lado, o dirixido de maneira específica á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas de cara a optimizar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.

Cada unha destas subvencións alcanza o importe global de 150.000 euros. O prazo para solicitar estas axudas remata, en ámbolos dous casos, o vindeiro luns, 25 de marzo.

Programa Ter é manter
Este programa abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles. Os edificios deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos dez anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.

Programa de carpinterías
Con esta programa búscase fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados. Neste caso, os inmobles deberán ter unha antigüidade superior aos 20 anos e darase preferencia aos destinados a vivenda e con ocupación ou actividade permanente.

O Consorcio ofrece asistencia técnica
Ámbalas dúas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.

As solicitudes e a documentación pertinente deberán presentarse no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro ata o 25 de marzo. Para consultar dúbidas, os interesados deberán acudir ás dependencias da Oficina Técnica do Consorcio, situada no número 59 da rúa do Vilar.

Compartir: