CONSORCIO

O director polaco Antoni Wit dirixe esta semana a Real Filharmonía de Galicia

18/03/2019 A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves, 21 de marzo, o seu concerto semanal de abono na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre polaco Antoni Wit, que xa se puxo á fronte da orquestra en anteriores ocasións.

O programa leva por título "Ventos do Leste", nunha homenaxe aos grandes compositores polacos. Así, o concerto comezará coa Oertura da ópera Paria, de Stanislaw Moniuszko (1819-1872), creador da ópera polaca. Nesta obra emprega motivos e danzas populares do seu país, como corresponde a un músico decidido a achegar o seu esforzo á causa nacional en tempos convulsos.

A continuación, os músicos interpretarán a Sinfonía nº 3 do compositor austríaco Franz Schubert (1797-1828), que a escribiu aos seus 18 anos de idade, mentres daba clases na escola do seu pai.

O broche final da noite poñerao a Sinfonía en mi de Mieczyslaw Karlowicz (1876-1909), recoñecido como o mestre do poema sinfónico e o compositor máis representativo da "Nova Polonia", movemento artístico baseado nas tendencias modernas do nacionalismo. Esta sinfonía, a máis ambiciosa de todas as súas obras, é coñecida popularmente como "Renacemento"; nela evoca a loita do espírito contra o destino, o camiño da traxedia ao triunfo.

A batuta de Antoni Wit
Antoni Wit (1944) é un dos directores máis respectados de Polonia e un gran coñecedor da música polaca. Gañador en 1971 do primeiro premio no Concurso Internacional de Dirección Herbert von Karajan, foi axudante do mestre Karajan no Festival de Pascua de Salzburgo. Posteriormente, traballou coas principais orquestras no seu país antes de asumir o cargo, durante doce anos, de director xeral e artístico da Filharmónica de Varsovia, posto que ocupou ata a tempada 2012-2013. Na actualidade é director honorario da Orquestra Filharmónica de Cracovia, en Polonia. En 2015 foi galardoado coa Lexión de Honra en Francia.

Gozou dunha extensa carreira internacional, dirixindo importantes orquestras en Europa, América e Oriente. Sete veces nomeado aos Premios Grammy, ten rexistradas máis de 200 gravacións para os selos discográficos EMI, Sony e Naxos. Mención especial merece a aclamada versión dos concertos para piano de Prokófiev con Kun- Woo Paik, galardoado co Diapason d' Or e co Grand Prix da Nouvelle Académie du Disque. Entre outros recoñecementos, recibiu o Premio EMI ao "Disco do Ano" en 1985 pola súa gravación de Stabat Mater, de Szymanowski.

Compartir: