IGUALDADE

Publicadas as bases dunha nova edición do Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual

14/03/2019 O Boletín Oficial da Provincia deste 13 de marzo publicou as bases e a convocatoria do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres para o ano 2019. O Premio Xohana Torres recuperouse en 2016 tras varios anos sen convocarse e co obxectivo de recuperar a memoria histórica das mulleres de Compostela. Foi instituído no ano 1993 e, tras 17 edicións, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico.

Poderá concorrer a esta convocatoria calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica. Os traballos que se presenten ao premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas.

Premiaranse dous traballos, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual. Cada un estará dotado con 2.500 €, que cubrirá os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC. O prazo de presentación dos traballos rematará o 31 de decembro de 2019.

Edición 2018
Na edición do ano pasado, o xurado decidiu deixar deserto o premio "por non acadar o nivel de calidade literaria deste premio", ao que se presentaron catro traballos de ensaio e ningún de creación audiovisual. A acta da segunda xuntanza dos membros do xurado está publicada, dende o pasado 7 de marzo, na web municipal, e nela recóllense tamén os títulos dos escritos que concorreron ao premio. Os traballos presentados son: "Trabar o beizo", baixo o pseudónimo Invernia; "Galegas na agra das jazz band", baixo o pseudónimo Magda D.; "Nosotras sempre navegar", co pseudónimo Maxa, e "A Berenguela", baixo o pseudónimo A Berenguela.

Direccións relacionadas



Compartir: