BENESTAR ANIMAL

"Os cans tamén contan" chega ao Festival Atlántica da man do narrador Iñaki Carretero e do educador canino Vicente Martínez

13/03/2019 O Festival Atlántica de Narración Oral inclúe este ano unha actividade dos orzamentos participativos de Mocidade que leva por nome "Os cans tamén contan" e na que participarán o narrador vasco Iñaki Carretero e o educador canino Vicente Martínez.

Os detalles da actividade deunos esta mañá a concelleira de Mocidade, Noa Morales, e a coordinadora do Festival Atlántica, Sole Felloza. A actividade inclúe unha sesión de contos cos cans na que as familias ou persoas que participen poidan aprender a convivir con eles nos espazos de Compostela.

Por medio dunha charla-conto-coloquio-demostración aprenderase, dunha forma divertida e educativa, os dereitos e deberes dos cans e tamén dos seus donos, de como poder mantelos felices por medio do deporte e os paseos. O formato da actividade será moi interactivo, onde se mesture o formato "contos" con exhibición canina.

Nesta sesión de contos caninos contarase coa axuda das cadelas Hiru e Mirka, que axudarán as persoas participantes a aprender a comunicarse cos seus cans, a desfrutar con eles e mellorar a convivencia. O desafío que ofrece a actividade pasa por axudar aos mozos e mozas a educalos dende o deporte dende o entendemento entre especies, compartindo o tempo libre sen violencia.

Horarios
"Os cans tamén contan" desenvolverase o xoves 14 de marzo ás 18:00 horas no Centro Cívico do Ensanche, e sairá ao Parque Eugenio Granell o sábado 16 de marzo a partir das 17:00 h e o domingo 17 ás 11:00 h. A actividade compleméntase coa acción "Cans, deporte, mocidade e cidade", tamén impartida por Iñaki Carretero nos centros escolares. Será o xoves 14 de marzo ás 11:00 h no IES Eduardo Pondal, e o venres 15 ás 10:00 h no IES Rosalía de Castro.

Iñaki Carretero
Contador de historias dende o ano 98, sente que é un luxo vivir do conto. Recorre a xeografía cos seus contos, libros e amados cans. Ten unha enorme experiencia en descubrir as historias que hai no aire, nas bibliotecas, nas letras que bailan ás veces sen sentido para nenos e nenas.

Dono dunha enerxía contaxiosa e dun absoluto dominio do espazo, capta a atención como poucos do seu auditorio. Din por aí que é especialista en primeira lectura, pero el prefire dicir: "Que non é un narrador habitual, nin un lector habitual, nin un animador de lectura habitual..."

É disléxico, cóstalle ler e ás veces mestura as palabras ao falar, pero esa visión
tan particular do mundo do oral e escrito é o que lle gusta e lle funciona. É o que lle fai escoitar ao que lle costa escoitar, e ler ao que lle costa ler.

Vicente Martínez
Educador canino cunha experiencia de dez anos. Vicente explica ao público que non é o mesmo educador que adestrador. A educación está dirixida a lograr que un can obedeza as ordes básicas do seu guía ou propietario, pero implica moito máis que a mera obediencia: tamén ten que ver con saber como ensinar ao can a xestionar as súas emocións ante situacións diversas.

Procúrase un equilibrio entre as necesidades de cans e humanos para asegurar o benestar duns e doutros. Cando falamos de educación canina, falamos de respecto, amor e comprensión mutua.

Direccións relacionadas



Compartir: